Rivo pon en valor ante o empresariado de Valga o papel do tecido produtivo na creación de máis e mellor emprego e na mellora da vida das familias

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na tradicional xuntanza cos empresarios de Valga que se celebra cada ano por San Blas

A Xunta ten en marcha axudas por case 11 millóns de euros para impulsar o traballo dos novos autónomos e fomentar que contraten persoal

A Administración autonómica ten aberto o prazo para solicitar apoios á contratación de persoas desempregadas por parte das empresas cun investimento de 17,5M€

A representante autonómica recalcou a aposta de Galicia pola economía social que conta cunha nova estratexia que quere xerar 4.000 empregos e 400 entidades nun horizonte de catro anos
 

Valga (Pontevedra), 2 de febreiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na tradicional xuntanza que celebra o empresariado de Valga cada ano con motivo da festividade do San Blas. Aproveitou o encontro para poñer en valor o papel do tecido produtivo na xeración de máis e mellor emprego e na mellora da vida das familias.   

A conselleira agradeceu aos representantes empresariais presentes no encontro
–participaron firmas como Extrugasa, Exlabesa, Transportes Touceda, Transportes Jamardo, Barton Maquinaria, Serrerías Rodríguez, Valdeza, ODL, Urovesa, Lema, Víctor Castiñeiras, Eldesa, Hormadisa e CSM Galicia- o seu esforzo para dinamizar a economía local desta comarca. Estas iniciativas, destacou Rivo, contribúen ao crecemento económico e á fixación de poboación.

A Administración autonómica dispón un mapa de axudas para seguir a dinamizar a economía. Diríxense a persoas traballadoras autónomas e emprendedoras, á economía social e á mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas. Tamén se está a apoiar a contratación de persoas desempregadas con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Na xuntanza de hoxe, Rivo tipo oportunidade de debullar algunha destas iniciativas. Así, informou de que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten mobilizados xa este ano case once millóns de euros para apoiar o traballo por conta propia e a xeración de emprego por parte dos autónomos. Nesta contía inclúese a nova medida que cubre o 100% a cota reducida dos novos autónomos. En apenas dúas semanas acadou as 2.300 solicitudes, 850 na provincia de Pontevedra.

A través da orde Galicia Emprega, estanse a ofrecer ás empresas incentivos para contratar persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos con maiores dificultade para acceder ao mercado laboral, como mulleres, parados de longa duración, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en exclusión social etc.

Rivo destacou, ademais, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que iniciou o seu despregamento pola comunidade hai ano e medio, xa se está a consolidar como un recurso dinamizador nas doce zonas das catro provincias nas que está operativa, tendo asesorado máis dun milleiro de proxectos de novos emprendedores ou de persoas que desexan dar un xiro a negocios xa en marcha.

Na fixación de poboación e diversificación da actividade das contornas rurais, Rivo avogou pola economía social. Neste sentido avanzou que a Xunta xa ten en marcha a 2ª Estratexia de Economía Social de Galicia, que aspira a xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades ata 2027.

A Xunta traballa tamén, no seo do Consello Galego de Cooperativas, nunha nova lei que actualice o marco desta fórmula empresarial e que  apostará por flexibilizar e facilitar a creación de novas entidades e axudar a que as existentes avancen na súa profesionalización e dixitalización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024