O Comité Funcional do Proxecto Xenoma Galicia mantén a súa primeira xuntanza

O conselleiro de Sanidade presidiu unha reunión na que se abordaron diversos asuntos vencellados á posta en marcha dunha iniciativa que suporá un salto cualitativo para a Sanidade galega

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu esta mañá a primeira xuntanza do Comité Funcional do Proxecto Xenoma Galicia. Unha iniciativa sanitaria coa que a Xunta recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas, co obxectivo de poder detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticalas dun xeito precoz, e poder ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.

Durante a reunión, abordáronse diferentes temas vencellados ao comezo dun proxecto que suporá un salto cualitativo para a Sanidade galega. Entre outros, o sistema de selección de participantes, as primeiras 1.000 mostras a recoller nos 6 meses iniciais da pilotaxe, ou os sistemas de invitación e material informativo, que acompañarán a este proxecto durante o seu desenvolvemento.

Na reunión, tamén participaron o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo; a coordinadora do proxecto, María Brión Martínez; o responsable da Asesoría xurídica da Xunta de Galicia, Manuel Pillado; o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa, así como membros dos departamentos de Saúde Pública, Asistencia Sanitaria e Sistemas de Tecnoloxías de Información da Consellería de Sanidade, ademais de responsables do ámbito da investigación, o diagnóstico xenético e a análise xenómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024