A Xunta expón en Canarias os avances de Galicia na loita contra o cambio climático e o forte compromiso dos concellos con este obxectivo

O Executivo galego participou esta semana nas Xornadas Nacionais do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, onde salientou a importancia de apoiar ás entidades locais para acadar a neutralidade climática o antes posible

A comunidade conta xa con 285 municipios adheridos a este acordo e preto de 250 deles dispoñen ademais do seu propio Plan de acción polo clima e a enerxía sostible
 

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2024

A Xunta participou esta semana nas Xornadas Nacionais do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, que se celebrou en Canarias, onde puxo en valor os avances rexistrados en Galicia na loita contra co cambio climático e o forte compromiso dos municipios galegos con este obxectivo.

O Executivo galego, que exerce de coordinador do Pacto desde 2017, salientou que este acordo permitiu avanzar cara aos obxectivos compartidos fronte ao cambio climático e apoiar aos municipios na adopción de medidas de mitigación a adaptación a este fenómeno. De feito, a oficina técnica creada en 2018 para apoiar aos concellos neste eido impulsou a súa adhesión, como demostra o feito de que Galicia pasase de contar con 22 municipios inscritos naquel momento a 285 na actualidade. Ademais, preto de 250 deles dispoñen dun Plan de acción polo clima e a enerxía sostible (Paces).

Un responsable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou no encontro, onde expuxo que a comunidade avanza no seu compromiso de acadar a neutralidade climática o antes posible marcándose como meta o ano 2040. Entre as ferramentas previstas para facer fronte a esta cuestión están os plans específicos elaborados polos concellos. 

Na mesma liña, a comunidade está a poñer en marcha a oficina Galicia Resiliente para prestar apoio técnico e económico aos concellos na elaboración e aplicación desas estratexias, unha iniciativa que botará a andar nos próximos meses e estenderá os seus traballos durante cinco anos.

As Xornadas Nacionais do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía serviron para abordar as novidades para este exercicio e analizar os casos de éxito e os problemas derivados das medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático detectados nos municipios de San Sebastián (Guipúscoa), Granollers (Barcelona), Valsequillo (As Palmas) e Málaga. En paralelo celebráronse outras sesións sobre as comunidades enerxéticas nas que se expuxeron as actuacións promovidas polo Consello Insular da Enerxía e polo Pacto das Alcaldías asinado en Canarias.  

O evento

As Xornadas Nacionais do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía celebráronse entre o martes e o mércores en Gran Canaria e Tenerife, converténdose nas primeiras con carácter insular e con dobre sede. A primeira xornada tivo lugar nas instalacións do Infecar do Cabido de Gran Canaria e a segunda no Instituto Tecnolóxico e de Enerxías Renovables do Cabido de Tenerife.

O encontro serviu para constatar a necesidade de intensificar a acción sobre o clima e a enerxía reforzando o papel das autoridades locais e rexionais e aportándolle as ferramentas necesarias para alcanzar os obxectivos da Unión Europea mediante unha gobernanza a distintos niveis.

 
Data de actualización: 04/02/2024