A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde liderará o proxecto europeo Hercules

Trátase dun proxecto, dentro do espazo Interreg Europe, centrado na medicina personalizada que fomenta un envellecemento activo e saudable da poboación

Conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros e 7 rexións socias

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2024

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente da Consellería de Sanidade liderará o proxecto HERCULES, dentro do programa de colaboración interrexional Interreg Europe, cunha duración de tres anos, e un orzamento de 1,6 millóns de euros.

ACIS, como líder do proxecto, contará coa colaboración e participación de diversos socios europeos para alcanzar as metas propostas de ata seis países: Universidade de Twente (Países Baixos), Fondo de Desenvolvemento Rexional de Ática (Grecia), Municipio de Aarhus (Dinamarca), Rexión Västerbotten (Suecia), Rexión Emilia – Romaña (Italia), e Hospital St Jadwiga de Silesia en Trzebnica (Polonia).

Cómpre remarcar que, en 2019, máis da quinta parte da poboación da Unión Europea tiña 65 anos ou máis, e as proxeccións indican que a porcentaxe de persoas de 80 ou máis anos multiplicaranse por dous. Por outra banda, a crise da covid amosou a importancia das innovacións que, sen dúbida, poderán axudar á transformación dos sistemas de saúde nun proceso máis proactivo, preventivo e personalizado.

O proxecto HERCULES pretende desenvolver un plan estratéxico a nivel europeo para o despregamento na contorna sanitaria de solucións que aborden esta temática, baseado nunha análise das vulnerabilidades, recursos e capacidades das rexións implicadas. Deste xeito, buscarase a participación de todos os axentes da quíntuple hélice (cidadáns, autoridades rexionais, empresas, inversores e academia).

Referentes en innovación europea

HERCULES continúa a longa traxectoria de proxectos europeos de innovación no eido da saúde. Acabou 2023 coa conclusión de dous proxectos referentes no eido da covid coma TITTAN (1,7 M€) e na medicina personalizada REGIONS4PERMED (1,6 M€). Actualmente, están en marcha cinco proxectos europeos cun orzamento que superan os 25 millóns de euros entre os que destacan: PROCURE4HEALTH para a creación dunha rede europea de compra pública de innovación en saúde (5 M€); CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M€); INVEST4HEALTH que procura novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios (5,5 M€); INNOV4LIFE para a creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación colaborativa en saúde (2,3 M€); e TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i eurorexional en saúde (2,5 M€). Ademais, Galicia é referente europeo pola Comisión Europea no desenvolvemento e adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable dende 2023, logrando en 2019 o máximo galardón de 4 estrelas e revalidando o máximo resultado na última edición de 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2024