A Xunta convoca 73 bolsas de formación en arquivos, museos e bibliotecas e axudas para mellorar estes espazos

Xa están publicadas no Diario Oficial de Galicia as subvencións para funcionamento e equipamento destes espazos claves no acceso dos galegos á cultura

Este paquete de axudas complétase coa convocatoria das bolsas en materia de biblioteconomía, espazos museísticos e arquivos

Cun orzamento de máis dun millón de euros, forman parte do Plan Xeración Cultura

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de publicar as primeiras convocatorias de axudas para arquivos e museos galegos, que se suman ás dirixidas a bibliotecas. En concreto, establécense dúas tipoloxías de subvencións: as dirixidas á mellora das infraestruturas culturais e as de formación para bolseiros, cun total de 73 prazas. Ambas convocatorias, dotadas cun orzamento total de 1,1 millón de euros, forman parte do Plan Xeración Cultura. Todas as persoas e entidades interesadas nas mesmas poden consultar xa os detalles no Diario Oficial de Galicia (DOG).

No que se refire aos arquivos, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca mellorar estes espazos cun fondo de 185.000€, garantindo a custodia responsable e o acceso da cidadanía á documentación. Poderanse beneficiar concellos e entidades privadas sen ánimo de lucro galegas. O importe máximo da axuda por proxecto será de 7.000 euros, podendo chegar a 9.000 cando se trate de solicitudes conxuntas.

Mentres, a convocatoria para museos trata de favorecer a realización de actuacións e actividades museísticas que faciliten a conservación, a seguranza, a documentación, a investigación e a difusión en centros museísticos, sendo os beneficiarios entes locais e entidades privadas sen animo de lucro, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación. O importe total da subvención é de 200.000 euros.

Ambas convocatorias súmanse ás postas en marcha para as bibliotecas públicas de Comunidade, tanto no que respecta a actividades como a dotación de novos títulos.

Bolsas de formación

A Xunta tamén quere contribuír á formación de estudantes, polo que lanza un total de 73 bolsas de formación para aprender tarefas en arquivos, museos e bibliotecas.

No caso dos arquivos, as actividades de formación estarán relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. As persoas beneficiarias, que serán 20, deben ter un grao universitario ou equivalente, acreditar dominio da lingua galega e non beneficiarse anteriormente destas mesmas bolsas, así como non ter emprego remunerado e non ter sido sancionado por infracción.  O orzamento da convocatoria é de 123.000 euros, sendo 950 euros o importe bruto mensual a percibir por bolseiro durante seis meses, podendo prorrogar outros seis.

Respecto aos espazos museísticos, outros 20 beneficiarios recibirán unha formación teórico-práctica que contribuirá a completar o currículo académico, somerxéndose no ámbito da xestión documental, na difusión de exposicións ou en actividades didácticas. Os bolseiros deberán cumprir as mesmas condicións que nos arquivos. A maiores, neste caso, se queren formarse en museos, deberán ter cursados un mínimo de 75 créditos nas especialidades de Historia da Arte e Arqueoloxía, mentres que se queren formarse en restauración de fondos de museos deberán ter grao ou diplomatura en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente nas especialidades de Arqueoloxía e Pintura ou Escultura.  

O importe bruto mensual a recibir por cada persoa bolseira será, como no caso dos arquivos, de 950 euros, existindo un orzamento total da convocatoria de 123.000 euros.

No caso das bolsas de formación en biblioteconomía, a formación será apoiada por titores en oito centros bibliotecarios da Xunta máis a Biblioteca de Ferrol. Os bolseiros formaranse no uso e tratamento dos fondos, na atención aos usuarios e na planificación, xestión e execución dos distintos servizos. O orzamento total ascende a 463.757 euros.

 

O número de bolsas convocadas é de 33 e os beneficiarios deberán cumprir os requisitos estipulados nas bolsas de arquivos, percibindo mensualmente 940 euros brutos. Ademais, como novidade, as súas xornadas formativas non poderán exceder as sete horas diarias nin as 35 semanais, dispoñendo de dez días de descanso adicionais aos correspondentes semanais e festivos.

Ata o 29 de febreiro

Os interesados en solicitar calquera das axudas anteriores, xa sexa para a mellora de arquivos ou espazos museísticos, como para a formación nestes centros ou en materia de biblioteconomía, poderán presentar as súas solicitudes ata o 29 de febreiro.

Data de actualización: 04/02/2024