A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Té, en Rianxo

Os treitos obxecto das intervencións acadan unha lonxitude total de 282 metros

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos

Estas intervencións permiten a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Té, no concello de Rianxo.

Estas tarefas desenvólvense nunha lonxitude de 282 metros, no percorrido deste río polo lugar da Laxe, na parroquia de Taragoña.

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e biomasa presente na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, o río Té quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións permiten a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2024