A Xunta unifica os protocolos para garantir o acompañamento da muller e contacto pel con pel na cesárea

A Consellería de Sanidade está a elaborar unha Guía de referencia común para o conxunto das áreas sanitarias, a través dun grupo de traballo composto por unha vintena de profesionais de todas as categorías implicadas

Antes da súa aprobación definitiva enviarase a sociedades científicas e asociacións para recibir as súas achegas e aprobala definitivamente no primeiro trimestre do ano
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e persoal da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, reuníronse esta mañá co equipo redactor da nova Guía de acompañamento da muller e contacto pel con pel na cesárea, co fin de ultimar o contido deste novo protocolo.

Trátase da segunda reunión do grupo de traballo para a revisión do borrador do documento, que lles foi enviado previamente, e para debater as achegas realizadas polas persoas integrantes do grupo, coordinado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, e no que participa unha vintena de profesionais de todas as categorías profesionais que atenden ao proceso de parto por cesárea. Concretamente, forman parte deste traballo obstetras, anestesiólogas, un pediatra-neonatólogo, enfermeiras e enfermeiros, matronas, unha técnica en coidados auxiliares de enfermería, unha celadora, e persoal da área de humanización e de admisión das xerencias das áreas sanitarias.

Tras a reunión celebrada hoxe, o grupo de traballo pechará o texto do documento e este será revisado polo Sergas antes de envialo a sociedades científicas e asociacións para recibir as súas achegas e cumprir o compromiso de aprobación definitiva no primeiro trimestre do ano.

O obxectivo xeral da Guía é homoxeneizar, en todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde, o acompañamento da muller pola persoa de confianza que ela decida, durante o nacemento por cesárea, o contacto pel con pel precoz e ininterrompido nai-fillo ou filla tras a cesárea, tanto en quirófano como durante a recuperación posterior, antes do seu traslado conxunto á planta de hospitalización.

Ademais, o documento expón uns obxectivos específicos, como son respectar o dereito da muller a estar acompañada pola persoa que ela decida durante o proceso de atención ao parto, e tamén no caso da cesárea respectar o dereito do neno ou da nena que acaba de nacer a estar en contacto pel con pel precoz e ininterrompidamente coa súa nai tras o nacemento, tanto en quirófano como durante a recuperación posterior á cesárea, e evitar así separacións innecesarias.

Recomendacións e actividades a desenvolver

Na Guía recóllense tamén recomendacións e as actividades a desenvolver para levar a cabo o acompañamento e o contacto pel con pel nas cesáreas, para que todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde elaboren o seu correspondente protocolo, adaptado ás súas propias características. A Guía incorpora, ademais, o fundamento científico na que se establecen estas recomendacións.

Por último, a Guía recolle unha serie de indicadores para avaliar a súa posta en marcha, así como as etapas para esta.

Mandato unánime do Parlamento de Galicia

O pasado 5 de outubro de 2023, o Parlamento de Galicia aprobou, por unanimidade, dentro da Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, unha proposición non de lei que instaba á Xunta de Galicia a que homoxeneizara en todas as áreas sanitarias o protocolo de atención aos nacementos por cesárea, para permitir o acompañamento e a humanización dos partos e nacementos.

Con ese fin, en decembro de 2023, constituíuse un grupo de traballo multidisciplinar, con representación de todas as áreas sanitarias, para elaborar a guía que homoxeneizase en todas elas o protocolo de atención aos nacementos por cesárea, para permitir o acompañamento da muller pola persoa que ela decida durante todo o proceso de atención ao nacemento e posparto e para posibilitar o contacto pel con pel continuado co ou coa recentemente nado ou nada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024