A Xunta licita por máis de 1,5 M€ as obras da primeira fase da extensión do saneamento municipal a toda a parroquia de Ribadetea, en Ponteareas

Trátase de executar unha rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido e a conexión coa rede de Ribadetea, que conduce as súas augas residuais ata a estación de bombeo para dirixilas á depuradora da Moscadeira

Tamén se construirán dúas estacións de bombeo novas en Mourade e A Freixa e renovarase a que xa existe

As obras sentan as bases para dotar dun saneamento eficaz a máis de 1.000 habitantes, eliminado risco de contaminación na contorna do río Tea, Zona de Especial Conservación e Rede Natura 2000

A actuación enmárcase no convenio de colaboración polo que a Xunta achegará o 80% do orzamento, máis de 1,3 M€ e executará a obra, que o Concello cofinanciará con case 334.000 €, o 20% restante, ademais de poñer os terreos á disposición

As empresas interesadas neste contrato poden presentar as súas ofertas ata o día 12 de marzo, co obxectivo de iniciar os traballos no segundo semestre do ano, cun prazo de execución de 6 meses

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 1.529.751 euros a obra da primeira fase da extensión do saneamento municipal a toda a parroquia de Ribadetea.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 12 de marzo, co obxectivo de iniciar as obras no segundo semestre do ano. As obras contarán cun prazo de execución de 6 meses.

As obras licitadas hoxe comprenden a execución dunha rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido e a conexión coa rede existente na parroquia de Ribadetea, que conduce as augas residuais á estación de bombeo da Freixa para, posteriormente, dirixilas á depuradora da Moscadeira, situada na parroquia de Ponteareas.

Baixo este contrato acometerase a construción de 2 estacións de bombeo novas, na Freixa e en Mourade, así como a renovación dos equipos de bombeo da estación de bombeo xa existente da Freixa, xunto coa correspondente rede por impulsión.

Para a execución das redes que funcionan por gravidade empregaranse tubaxes de PVC de diámetros de 250 e 315 mm. Serán, en total, 3.225 metros de rede, divididos en 3 treitos principais e os seus correspondentes ramais.

As intervencións que se acometerán no marco deste contrato posibilitarán dotar dun servizo de saneamento eficiente e acorde ás súas necesidades a unha poboación de máis de 1.000 habitantes. Ademais de eliminar posibles problemas de contaminación nas proximidades do río Tea, unha zona catalogada como Zona de Especial Conservación e parte da Rede Natura 2000.

Estes traballos enmárcanse no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ponteareas, cun orzamento de preto de 1,7 M€. A Xunta achega o 80% do investimento, con máis de 1,3 M€ e executará as obras; e o Concello destina ás actuacións case 334.000 euros, o 20% restante, e disporá os terreos.

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.

Cómpre sinalar que para que o sistema de depuración actual poida ampliar a súa capacidade de tratamento e recibir as augas residuais da parroquia de Ribadetea é necesaria a construción da nova depuradora municipal e a mellora do sistema de saneamento. Unha intervención na que tamén colabora a Xunta e o Concello e que impulsa Acuaes, por ser unha actuación declarada de interese xeral do Estado.

Con esta primeira fase das intervencións dotarase a futuro do servizo de saneamento a toda a parroquia de Ribadetea, tendo en conta que a urbanización da Freixa xa dispón deste servizo, ademais de resolver os problemas actuais, ao eliminar os sistemas individuais de saneamento existentes que presentan carencias.

Data de actualización: 02/02/2024