A Xunta convoca as axudas para a creación de superficies forestais de coníferas e frondosas, dotadas con algo máis de 1,5 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a orde destas axudas, que terán un prazo de solicitude de 30 días hábiles a partir do próximo luns, 5 de febreiro

Poderán crearse superficies con ata cinco especies diferentes de coníferas, como o piñeiro do país ou o piñeiro silvestre; e con 21 especies de frondosas, como o ameneiro, o bidueiro, o freixo ou o castiñeiro

Serán subvencionables aqueles gastos vencellados coa planificación forestal, os custes relacionados coas infraestruturas de acompañamento e os honorarios de redacción de proxecto

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais de coníferas e frondosas, dotadas cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros. 

A través destas achegas, poderán crearse superficies forestais con cinco especies diferentes de coníferas, como o piñeiro do país ou o piñeiro silvestre; e con 21 especies de frondosas, como o ameneiro, o bidueiro, o freixo ou o castiñeiro, entre outros. Entre os posibles beneficiarios destas subvencións están as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

Polo tanto, serán subvencionables os gastos vencellados coa planificación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, como o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo ou a adquisición de planta. Por outra banda, financiaranse tamén aqueles custes relacionados coas infraestruturas de acompañamento -como as obras complementarias- e os honorarios de redacción de proxecto.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles a partir do próximo luns, 5 de febreiro.

Ligazón á orde no DOG:

Data de actualización: 02/02/2024