A Xunta contribúe á oferta cultural de Vigo con 29 funcións escénicas e musicais como membro da rede galega de teatros e auditorios

O Auditorio Municipal de cidade olívica é un dos espazos asociados á programación que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cofinancia con 41 entidades locais de toda Galicia
 

A carteleira semestral arranca esta fin de semana cun espectáculo infantil na rúa Príncipe e inclúe as estreas de ‘Cancións amarelas, flores tristes’, de Manekineko, e ‘Neura’ de De Ste Xeito
 

O circuíto cultural autonómico tamén levará actividade a outros escenarios do sur de Galicia, como Cangas, Redondela, Gondomar, Tomiño ou Tui
 

Vigo, 2 de febreiro de 2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos impulsado e coordinado pola Xunta, contribúe á oferta cultural da cidade de Vigo con 29 funcións escénicas e musicais durante todo o primeiro semestre de 2024. Entre elas figuran as estreas de Cancións amarelas, flores tristes, da compañía Manekineko, e Neura, de De Ste Xeito Producións. O Auditorio Municipal de Vigo é un dos espazos adheridos a esta rede cultural, a través do que o público vigués poderá gozar ata abril dun amplo abano de propostas de teatro, música, danza, maxia e novo circo.

A programación na cidade olívica comeza mañá sábado coa representación ao aire libre do espectáculo para público familiar O bosque vivinte, de Sarao Producións & Animacións. Será ás 19,00 h. na céntrica rúa Príncipe.

A carteleira cuadrimestral, que pasará a continuación a desenvolverse no escenario do Auditorio Municipal, acollerá o día 9 ás 20,00 h. o concerto Transylvanian Suite, do trío de jazz composto por Basilio Martí e os irmáns Santana. O espectáculo réndelle homenaxe á película Nosferatu con motivo do centenario da súa estrea, musicando este clásico do cine mudo coa súa proposta de góspel mesturada con música clásica e electrónica. A peza A nai, de Amorodio Teatro, poderá verse no mesmo espazo o día 10 ás 20,00 h. Para o público máis cativo prográmase o día 11 a peza Mamut, da compañía éuscara Markeliñe, ás 18,00 h. A comedia Aquí tou, de Xose A. Touriñán, fará tamén unha parada en Vigo no marco desta Rede cun pase programado o día 16 ás 20,00 h.

A proposta do mes de febreiro no Auditorio Municipal continuará o día 17 con Apaga o Candil, de Contraproducións, montaxe na que a compañía lembra a Xestal, narrador oral carballés, poñendo en valor a cultura tradicional galega a través da historia deste contador. O día 18 seguirá Brilla Brilla, de Trémola Teatro, con tres pases especialmente programados para público infantil ás 12,00 h., 16,30 h. e 20,00 h. Ilusionante, do prestidixitador Pedro Volta e o espectáculo Entrega en man, de Contraproducións, terán funcións os días 23 e 24, respectivamente. Roi Borrallas porá o ramo a un mes de febreiro cheo de propostas escénicas en Vigo cun pase da súa peza de clown Solo, o 25 de febreiro ás 18,00 h.

Ata abril con teatro, danza e circo

As funcións seguirán en marzo con Gracias por venir, o día 1, un espectáculo de Iago Regueiro que homenaxea a Lina Morgan. Esa mesma fin de semana Sarabela Teatro sobe ás táboas do auditorio vigués o seu Made in Galiza, o sábado 2 ás 20,00 h., e Olivas Negras achegaralle ao público máis novo O rapto da Befana o día 3. Hellen Keller, a muller marabilla?, a nova montaxe de Chévere, poderá verse o día 9; Igualdade, onde estás, da Maga Fani, o día 10; a estrea da devandita Cancións amarelas, flores tristes, de Manekineko, o día 15; Que din as rumorosas, de Artyc Content, o 16 e El cuento de Persépolis, de La Coja Dansa, o 17.  

A programación destes primeiros meses do ano do circuíto autonómico en Vigo pechará en abril con danza, teatro e novo circo. A peza 4 x 4, da compañía madrileña Ron Lalá, poderá verse o día 12, mentres que os días 13 e 14 haberá funcións de Non é unha canción, de Souvenir e de Las Cotton, de Anita Maravillas & Portal 71. O día 19 será a quenda de De Ste Xeito Producións para a outra das estreas previstas: a da súa nova comedia, Neura, cun pase ás 20,00 h. Completa a carteleira La punta de mi nariz, de Kolectivo Konica, e Cirqueiras, de Artefeito, que chegarán ao Auditorio Municipal os días 20 e 21 de abril.  

A danza tamén será protagonista na cidade olívica este mes con motivo do día internacional desta disciplina. Haberá unha función de Emigrantas, de Kirenia Danza, o día 26, e outra de Qualia, de LAD Dance Company, o 27. A proposta da temporada da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Vigo remata con 361 Grados, da agrupación andaluza Cía. Proyecto Tránsito, da que poderá gozar o público vigués o 28 de abril.

 

Máis artes escénicas e musicais na área metropolitana

Ademais, a Rede Galega de Teatros e Auditorios programa outras 22 funcións noutros tres concellos da área metropolitana de Vigo. Así, en Cangas estase a contribuír con cinco funcións de teatro para público adulto no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela. Trátase dalgúns dos últimos traballos de Teatro do Noroeste, Sarabela Teatro, Producións Teatrais Excéntricas, Contraproducións e ButacaZero.

Redondela (que abriu temporada do circuíto público os pasados 27 e 28 de xaneiro cos espectáculos Contos na lareira e Solo) tamén recibirá sete montaxes este semestre ao abeiro do circuíto autonómico. Gondomar, pola súa banda, gozará de oito espectáculos ata o mes de xuño, ­­nun calendario que abrirá o 25 de febreiro a peza para público familiar Lixo, da compañía O Baúl da Tía Tola.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2024