O conselleiro do Mar visitou a confraría da Illa de Arousa

Alfonso Villares defende na Illa de Arousa o traballo en común cos profesionais do marisqueo no plan de acción que devolverá a produtividade ao sector

O titular de Mar explicou o conxunto de actuacións que están abertas ás aportacións dos protagonistas da actividade e que arrincan coas axudas extraordinarias e inmediatas por 4 millóns de euros que se pagarán xa no mes de febreiro

A estratexia que se presentou e sobre a que se dialoga coas federacións de confrarías activarase xa no primeiro semestre e prevese que mobilice 123 millóns de euros entre este ano e o próximo en favor da competitividade e sostibilidade da actividade

Entre as actuacións inclúense a rexeneración dos bancos marisqueiros, a diversificación das especies e traballos para lograr que sexan máis resistentes

Segue sen haber ningunha noticia sobre a petición de declaración de zona catastrófica ao Estado, que permitiría o acceso a axudas extraordinarias para paliar as perdas nas producións de bivalvos e a exención das cotas á Seguridade Social dos afectados

A Illa de Arousa (Pontevedra), 1 de febreiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe pola tarde a confraría da Illa de Arousa acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Neste encontro o titular de Mar detallou aos representantes do pósito detalles sobre as axudas directas e extraordinarias por 4 millóns de euros aprobadas no último Consello da Xunta e, á vez, as liñas xerais do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, un conxunto de actuacións que, aberto ás contribucións do sector, se prevé que mobilice a curto e medio prazo un total de 123 millóns de euros.

Alfonso Villares destacou que trala alta mortaldade dos bivalvos pola baixa salinidade resultado das fortes choivas do outono a Xunta púxose a traballar desde o minuto un da man do sector, unha colaboración que se pretende manter e estreitar dentro dunha cogobernanza que contribúa a definir o futuro máis próspero para a pesca e o marisqueo. 

Do que non puido trasladar avances foi, en cambio, sobre a situación da petición ao Estado de que declare zona catastrófica as rías damnificadas despois de transcorrese mes e medio da súa presentación ante a Delegación do Goberno en Galicia. O conselleiro considera esta inacción como unha falta de sensibilidade e abandono por parte do Executivo estatal, que non mobilizou un só euro en favor dos profesionais afectados.

Alfonso Villares explicou aos profesionais do marisqueo da Illa os traballos que levaron a que o pasado 14 de xaneiro, man a man coas federacións de confrarías de pescadores, desde o propio sector se adiantase o plan de acción para recuperar a produtividade desta actividade esencial para Galicia. Por un lado, a estratexia conta con medidas inmediatas en materia de axudas, con 15 millóns de euros nos que se inclúen os 4 millóns de euros que se abonarán de forma extraordinaria e directa este febreiro a máis de 7.000 profesionais de marisqueo a pé e a frote, e haberá outros 400.000 euros para contribuír a sustentabilidade das organizacións representativas do sector.

Completarán esta liña de actuación as axudas por parada temporal para o marisqueo a pé e a frote que, por algo máis de 10 millóns de euros, se tramitarán con cargo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) co fin de que se publique a orde en abril para que se abonen no verán. O período subvencionado de parada será de tres meses, a acreditar entre outubro de 2023 e abril de 2024.

O resto de actuacións no curto prazo pasan, ao longo deste primeiro semestre do ano, pola rexeneración dos bancos marisqueiros máis danados e o reforzo da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar) para clarificar as causas e desenvolver solucións ante a caída da produción e o impacto do cambio climático nas rías.

A medio prazo

A partir do segundo semestre e no conxunto de 2025 activaranse máis de 104 millóns de euros en medidas de apoio á sostibilidade e competitividade do sector marisqueiro. Entre as primeiras está o reforzo da rexeneración de áreas marisqueiras e a creación de novas zonas de traballo, así como o apoio técnico ás entidades do sector e a vixilancia dos bancos, reforzando tamén o labor do Intecmar e das redes de control. Entre as segundas está constituír unha nova plataforma de ventas e un plan para complementar e diversificar as especies, ao tempo que se investiga como facelas máis resistentes aos cambios ambientais. Tamén se fortalecerá a colaboración coas asociacións do sector.

Todas estas medidas terían un complemento axeitado se o Executivo central responde dunha vez á petición da Xunta realizada o pasado 20 de decembro e declara zona catastrófica ás rías galegas, pois é unha medida que facultaría a reparación de tódolos danos nas producións mariñas, permitiría axudas extraordinarias para empresas e a exencións de cotas á Seguridade Social para os traballadores afectados. Un apoio do Estado ante inclemencias meteorolóxicas que xa recibiron outras comunidades que viron afectadas actividades económicas e que agora reclama o sector en Galicia.   

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 01/02/2024