A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe coa nova presidenta do órgano colexial

A Xunta e o Colexio Oficial de Administradores de Fincas estudan novas vías de colaboración no eido da vivenda

Ángeles Vázquez e Teresa Suárez abordaron os resultados do primeiro ano do programa Vivendas Vivas e a inquedanza crecente que está a xerar entre os profesionais a nova Lei sectorial estatal e o tratamento que lle dá a temas como o fenómeno da ocupación

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

A Xunta e o Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (COAFGA) explorarán novas vías de colaboración en materia de vivenda para manter e seguir afondando en proxectos de interese común.

Así o acordaron hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a presidenta de COAFGA, Teresa Suárez, que accedeu ao cargo o pasado mes de xaneiro e aproveitou a xuntanza tamén para presentar á nova xunta de goberno e o seu proxecto.

En concreto e con relación ás iniciativas xa en marcha, Vázquez e Suárez analizaron o primeiro ano de funcionamento do programa Vivendas Vivas para a mobilización no mercado de alugueiro de vivendas actualmente baleiras e coincidiron na importancia de manter a súa colaboración para que se consolide no conxunto da Comunidade.

Cómpre subliñar que desde a posta en marcha en xaneiro de 2023 dun portal dixital concibido para facilitar o acceso ao alugueiro das persoas inscritas no Rexistro de demandantes do IGVS, o programa foi sumando empresas colaboradoras —tanto administradores de fincas como inmobiliarias— e vivendas dispoñibles.

Nova normativa estatal

Así mesmo, a presidenta do órgano colexial trasladoulle a Ángeles Vázquez a inquedanza crecente que están a detectar entre os administradores de fincas pola Lei polo dereito á vivenda estatal. Ao respecto, incidiu en que a norma, en vigor desde o pasado mes de maio, introduce medidas e novidades importantes con relación ao mercado do alugueiro ou á ocupación ilegal de vivendas e o seu impacto nas comunidades afectadas, entre outras cuestións de relevancia para o sector inmobiliario.

Neste sentido, a vicepresidenta compartiu a preocupación e indicoulle que aínda que a Xunta recorreu á vía do diálogo para resolver as discrepancias e dúbidas competenciais xeradas pola lei, o Goberno central tardou “cinco meses” en poñer data á primeira reunión da Comisión bilateral, advertindo de que se fracasan estes contactos, o Goberno autonómico non descarta recorrer a norma por vía xudicial.

Por último, a vicepresidenta tamén puxo en valor o papel do colectivo profesional ao que representa COAFGA á hora de canalizar información de interese para propietarios particulares e, sobre todo, comunidades de veciños relacionadas coas súas vivendas e as diferentes axudas e liñas de financiamento á súa disposición. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2024