O conselleiro de Sanidade remarca a importancia de divulgar adecuadamente información contrastada e veraz de contidos sanitarios e de medicamentos

Así o destaca Julio García Comesaña, no acto de entrega dos 23º premio periodístico Albarelo, que organiza o Colexio de Farmacéuticos da Coruña

A Coruña, 1 de febreiro de 2024


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interveu hoxe no acto de entrega do 23º premio periodístico Albarelo, que outorga o Colexio de Farmacéuticos da Coruña. Neste evento, o titular da carteira sanitaria remarcou que considera fundamental ir da man tanto a Consellería de Sanidade, como os colexios oficiais de farmacéuticos, as sociedades científicas e a prensa en xeral á hora de divulgar adecuadamente información contrastada e veraz de contidos sanitarios e de medicamentos.

O conselleiro felicitou ao gañador Alexandre Centeo pola súa reportaxe, así como aos dous galardoados cun accésit, e puxo en valor a importancia que adquiriu a oficina de farmacia nos últimos anos en relación coa saúde.

Os pacientes, -incidiu Comesaña-, acoden á farmacia non só para retirar medicación, senón, tamén, para pedir consello ou información, e isto sucede non só pola proximidade e facilidade de acceso, senón tamén pola empatía que manifesta o farmacéutico establecendo unha relación de confianza.

Na súa intervención no acto, no que estivo acompañado pola presidenta do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain González, o responsable do Sergas dixo que o seu departamento avoga por ir da man coas oficinas de farmacia para dar unha maior visibilidade ao seu papel como parte integrante do sistema de saúde e convidándoas a participar en programas de fármaco vixilancia, saúde pública e investigación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2024