O titular do Mar visitou a factoría da conserveira Friscos

Alfonso Villares reclama un Perte “en condicións” para mellorar a competitividade do sector conserveiro galego

O responsable autonómico reclama ao Goberno central concreción e feitos na posta en marcha do Perte para a cadea mar-industria e a rectificación á negativa á rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros, longamente demandada polo sector

O conselleiro puxo en valor a traxectoria da conserveira Friscos e a súa aposta decidida pola calidade dos peixes e mariscos galegos e a innovación tecnolóxica no seu proceso de produción

Tamén subliñou a importancia da lei do litoral galega, recorrida polo Estado ante o Tribunal Constitucional, que é unha garantía de seguridade xurídica para o desenvolvemento das actividades pesqueiras

Catoira, (Pontevedra), 01 de febreiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a posición de liderado internacional que ten o sector da conserva galego, referente indiscutíbel de calidade, profesionalidade e innovación. Para que sexa posible continuar esta traxectoria de éxito reclamou ao Goberno central que concrete canto antes os detalles do Perte para a cadea mar-industria. Así o manifestou durante a visita á factoría da empresa conserveira Friscos no municipio pontevedrés de Catoira onde estivo acompañado polo director da empresa, Ramón Rey.

 

O titular de Mar sinalou que o sector precisa certezas e compromisos concretos e cualificou de decepcionante a contía coa que se pretende dotar o Perte específico para a cadea mar-industria de 50 millóns de euros, lonxe dos 400 millóns solicitados polo sector ou dos 1.000 millóns dedicados á actividade agroalimentaria. Para o conselleiro chove sobre mollado xa que observa un trato discriminatorio tamén co tratamento do IVE aos produtos pesqueiros fronte a outros alimentos o que supón unha desvantaxe competitiva nun contexto de descenso do consumo. Unha actuación, a do Estado, que non está a responder ás necesidades dun sector que factura só en Galicia 9.000 millóns de euros, ocupa ao redor de 50.000 traballadores e representa o 5% do PIB da comunidade.

 

Alfonso Villares subliñou que empresas como Friscos agardan das administracións apoio para o mantemento da súa actividade e non máis atrancos. Nese sentido, e poñendo énfase no complexo contexto económico, puxo en valor a traxectoria desta conserveira fundada en 1946 e que elabora produtos con berberecho, atún, zamburiña, mexillóns, bonito do norte ou sardiñas facendo bandeira da calidade e excelencia do peixe e marisco galegos. A isto sumou a innovación tecnolóxica como outros dos piares nos que se sustenta o liderado internacional da conserva galega cuxas exportacións no 2022 ascenderon a 869 millóns de euros e que representan o 70% das ventas a outros países de conserva de peixe de todo o Estado.

 

Lei do litoral

O conselleiro do Mar engadiu á lista de agravios ao sector pesqueiro o recurso do Goberno central contra a lei do litoral galega ante o Tribunal Constitucional. Unha norma, recordou, elaborada da man de expertos xuristas e do propio sector e que contou cun amplo consenso, o que permitiu que fora aprobada sen ningún voto en contra no Parlamento galego. O obxectivo con esta norma é proporcionar maior seguridade xurídica recoñecendo como “estratéxico e prioritario” as actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas. O recurso que contrasta co acordado co PNV para o País Vasco e que foi fortemente contestado polo conxunto da cadea mar-industria en diversos actos reclamando a retirada do recurso por parte do Executivo estatal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2024