A directora xeral de Patrimonio Natural asistiu hoxe en Coímbra á presentación de Iberalex, unha iniciativa financiada con fondos do POCTEP España-Portugal

A UE selecciona un proxecto da Xunta como exemplo a seguir para a recuperación da píllara das dunas

Belén do Campo expón os resultados do plan de recuperación da especie impulsado en Galicia nos últimos anos e subliña o carácter innovador dalgunhas das medidas

Grazas ao financiamento europeo, institucións galegas e lusas, coa colaboración das universidades de Estremadura e Cádiz, poderán seguir traballando ata 2027 na execución de accións dirixidas a protexer e mellorar o éxito reprodutivo destas aves
 

Coímbra (Portugal), 1 de febreiro de 2024

A Unión Europea acaba de seleccionar para a súa inclusión no Programa de cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) un proxecto no que participa a Xunta dirixido á recuperación e mellora da conservación da píllara das dunas, unha ave cualificada como vulnerable e da que Galicia concentra a única poboación existente na costa cántabro-atlántica española.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asistiu hoxe en Coímbra (Portugal) ao acto de presentación de Iberalex, unha iniciativa liderada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e na que participan como socios a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a sociedade conservacionista portuguesa Vita Nativa e as universidades de Aveiro e Coímbra, pola parte lusa, e de Estremadura e Cádiz, pola española.

Cómpre subliñar que a píllara das dunas —charadrius alexandrinus— é unha ave autóctona de Galicia, a única comunidade do norte do país na que está presente, aínda que cunha poboación en situación de retroceso.

Neste sentido, Belén do Campo lembrou durante a súa intervención que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural puxo en marcha hai anos un plan de recuperación da especie na Comunidade, con medidas e proxectos que xa están dando os seus froitos e que grazas ao proxecto Iberalex e aos fondos europeos destinados ao mesmo seguirán tendo continuidade ata o ano 2027 e poderán extrapolarse a outras rexións da UE.

En concreto e co obxectivo de aumentar o éxito reprodutor destas aves, salientou o carácter innovador dalgunhas das medidas implementadas en Galicia neste eido, en especial, o programa de incubación artificial —ex situ— para a cría de polos co fin de incrementar as poboacións locais desta especie.

Ao respecto, a directora xeral explicou que no marco deste programa de cría en catividade, ata o de agora logrouse que voaran un total de 112 polos, un balance do que se amosou “moi satisfeita” e que demostra os bos resultados desta iniciativa innovadora, froito do “esforzo conxunto” do persoal do departamento de Patrimonio Natural e do equipo investigador da USC, liderado polo profesor Jesús Domínguez.

Ademais, no eido da conservación e manexo dos hábitats da píllara das dunas presentes en Galicia, referiuse á instalación de balizamentos temporais ao redor de áreas críticas para a nidificación da especie —30 áreas balizadas en 2023 no período comprendido entre o 15 de marzo e o 15 de xullo— e á colocación de paneis informativos dirixidos aos usuarios dos areais advertindo da presencia destes hábitats.

Por último e tras indicar que a zona do Barbanza é o principal refuxio natural desta especie, Belén do Campo explicou que froito das accións desenvolvidas no marco do referido plan de recuperación, o último censo encargado pola Xunta á USC constatou que a poboación nidificante galega ascendía o ano pasado a 84 parellas distribuídas por 27 praias, un balance lixeiramente superior ás 81 parellas identificadas en 2021.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2024