Alfonso Villares destaca que a lonxa de Vigo mantén o seu liderado a nivel galego en facturación no 2023

Vigo, 31 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor a posición de liderado da lonxa de Vigo ao longo do 2023 no que obtivo unha facturación de en primeira venda de máis de 88 millóns de euros o que representa o 21,4% do ingresado no conxunto de toda a comunidade e que coa segunda venda medra ata superar os 142 millóns de euros. O titular de Mar fixo estas manifestacións acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, durante a visita ás instalacións da rula viguesa onde asistiu á primeira poxa do día. Tamén resaltou que esta cifra amosa o alto volume de comercialización de todo tipo de peixe fresco que ten lugar no peirao vigués, tanto procedente da Ría de Vigo e portos adxacentes como o que chega doutras partes do mundo de onde procede a metade do produto.

Nese sentido, destacou que o ano pasado rexistrouse unha produción en primeira venda  de 22.900 toneladas de peixe o que representa máis do 18% das descargas nas lonxas galegas, que chega na segunda venda ás 32.150 toneladas. As principais especies foron o peixe sapo, o rapante, a xuliana, o peixe espada, a sardiña, o xurelo ou a quenlla, que sitúan á rula viguesa na terceira posición só por detrás de Ribeira e A Coruña. Alfonso Villares subliñou que estas cifras amosan de forma elocuente os motivos polos que Vigo é a capital europea da pesca e polo que é unha referencia en ciencias mariñas concentrando aos principais centros de investigación pesqueira e oceánica tanto da Administración galega e estatal como comunitaria. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024