O titular do Mar visitou as instalacións de Frigoríficos Rosa de los Vientos

Alfonso Villares valora de insuficiente o Perte para o sector pesqueiro e denuncia que non achega os recursos comprometidos por Planas co sector

A cadea mar-industria galega factura 9.000 millóns de euros ao ano, unha ocupación de 50.000 postos de traballo e que representa o 5% do PIB da comunidade

O conselleiro critica o trato discriminatorio ao sector marítimo pesqueiro para o cal se pretende mobilizar 50 millóns de euros, moi lonxe dos 1.000 millóns do Perte Agroalimentario

Volveu a reclamar ao Goberno central que acceda ás demandas dos profesionais do mar e rebaixe o IVE aos produtos pesqueiros para incentivar o seu consumo
 

Marín, (Pontevedra), 31 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, valorou como insuficiente a dotación do hipotético Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) para a cadea mar-industria anunciado polo ministro de Industria, Jordi Hereu, ao que lle recorda que este sector factura só en Galicia 9.000 millóns de euros, ocupa ao redor de 50.000 traballadores e representa o 5% do PIB da comunidade. Así o manifestou o responsable autonómico acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez, polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, durante a visita ás instalacións de Frigoríficos Rosa de los Vientos no porto de Marín.

O conselleiro destacou que o sector marítimo pesqueiro leva máis de dous anos agardando a que se materialice un Perte específico, despois da súa exclusión do Perte Agroalimentario, e lamentou que o Goberno central pretenda mobilizar só 50 millóns de euros fronte os 400 millóns que demandaba o propio sector, cifra que aínda queda máis empequenecida respecto aos 1.000 millóns dedicados ao sector agroalimentario. O titular de Mar subliñou que o anunciado non responde ás expectativas e necesidades dun sector que é estratéxico para Galicia e que precisa eses recursos para a realización de importantes investimentos que fagan posible que as empresas podan continuar afondando na súa transformación e mellorando os seus procesos produtivos e  a súa competitividade.

Alfonso Villares insistiu na necesidade de que o Executivo Estatal acceda a rebaixar o IVE ao peixe, marisco e conservas, “nin nós nin o sector sabemos xa como dicilo”, lamentouse. Unha medida imprescindible que, xunto coas campañas de promoción, permitiría incentivar o consumo destes alimentos entre a cidadanía. “Non entendemos esta cerrazón cando hai países do noso entorno que o fan e aí están os resultados” apostilou á vez que lembraba o aval das universidades galegas que nos seu informes sinalaban os efectos positivos que tería no emprego e na actividade económica. 

Unha empresa punteira

O conselleiro do Mar enmarcou esta visita dentro da súa axenda de contactos coas empresas do ámbito da transformación dos produtos pesqueiros do que Galicia e referente e que destacan pola súa aposta pola calidade do peixe e marisco galegos e a innovación tecnolóxica. Nese sentido puxo en valor o traballo que desenvolven estas entidades con ampla experiencia e a vangarda do sector que co seu traballo, contribúen a xerar moitos empregos de calidade na comunidade. 

Frigoríficos Rosa de los Vientos comezou a súa actividade en 1991 e está dedicada principalmente ao procesado e ultraconxelado de polbo a metade do cal provén de lonxas das Rías Baixas e outro 15% é adquirido en rulas das Rías Altas. A súa aposta pola calidade e a innovación permitiulles desenvolver unha liña de de produtos pasteurizados e sacar ao mercado novos produtos como croquetas ou xeado de polbo. Un traballo que foi recoñecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación coa prata nos Premios á Excelencia á Innovación para mulleres Rurais na categoría Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola e a nominación ao Premios Economía Azul dos GALP.

Revalorización dos produtos

Esta empresa especializada en cefalópodos colabora en proxectos de investigación con entidades como o CSIC e Redemar e grazas aos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP), logrou revalorizar as cabezas de polbo e a auga de cocción do cefalópodo. Na actualidade están traballando en facer o mesmo coas vísceras xa que, como confirmaron os estudos realizados, son ricas en proteínas e aminoácidos, polo que podería ter aplicacións en campos como o farmacéutico.    

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 31/01/2024