Comesaña destaca o labor dos técnicos superiores sanitarios nos servizos asistenciais da rede pública galega

O conselleiro de Sanidade reuniuse hoxe con representantes da Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia (ATESSGA) para escoitar as súas demandas e avaliar futuras fórmulas de colaboración

O titular da carteira sanitaria da Xunta destacou o excelente labor dos técnicos superiores sanitarios do Servizo Galego de Saúde, uns profesionais que abranguen eidos como a radioterapia, a imaxe diagnóstica ou os procesos de laboratorio

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia (ATESSGA) para escoitar as súas demandas e avaliar futuras fórmulas de colaboración. Así, o obxectivo é seguir a optimizar o excelente labor que desempeñan estes profesionais no conxunto de centros sanitarios da rede pública galega.

Na compaña da secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato; e da directora de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez; o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou os últimos avances rexistrados na oferta formativa para a cualificación destes profesionais.

Neste sentido, puxo en valor o acordo asinado pola Xunta de Galicia, este mesmo luns, para impulsar a Formación Profesional Dual, así como os procesos de acreditación das competencias profesionais adquiridas, ben sexa por mor da experiencia laboral ou ben por vías non formais de formación. Nesta liña, puntualizou que o devandito acordo beneficiará tanto ao persoal pertencente ao Sergas, como a doutros organismos dependentes da Consellería de Sanidade.

Pola súa, o presidente da ATESSGA, Juan Ramón Pérez Gómez, trasladoulle aos cargos da Administración sanitaria galega a súa proposta de creación dun colexio profesional. Unha iniciativa que o conselleiro de Sanidade se comprometeu a avaliar.

Durante a xuntanza, Comesaña agradeceu e destacou o labor dos técnicos superiores sanitarios no día a día da Sanidade pública, ao tratarse duns profesionais que abranguen diversos eidos e sectores nos centros sanitarios galegos, e entre os que se atopan: a radioterapia, a imaxe diagnóstica ou os traballos de laboratorios, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024