A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou nunha xornada sobre a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral

A Xunta cuestiona que se lle vete a xestión da súa costa cando o Goberno central demostra desleixo no exercicio desas competencias

Ángeles Vázquez lembra que o Executivo central se atribúe a potestade exclusiva neste eido, pero que en episodios recentes tivo a oportunidade de facer uso das súas atribucións no eido marítimo e non o fixo

O Executivo galego reitera o agravio comparativo existente nesta cuestión en relación con outras comunidades como Cataluña, Baleares ou o País Vasco

A vicepresidenta segunda subliña que o recurso de inconstitucionalidade contra a normativa autonómica vai en contra da cidadanía galega poñendo en risco moitas edificacións presentes na costa e o futuro de milleiros de persoas dependentes delas
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024

A Xunta cuestiona que Galicia vexa recorrida ante o Tribunal Constitucional a súa Lei de ordenación e xestión integrada do litoral e se lle impida xestionar a súa costa cando o Goberno central ten demostrado desleixo no exercicio desas competencias. Así o denunciou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a inauguración dunha xornada formativa sobre a normativa galega.

A responsable autonómica lamentou que o Executivo central estea a incorrer en contradicións ao denegar a Galicia aquelo que a outras comunidades concedeu e fixo referencia a recentes episodios nos que tivo a oportunidade de exercer esas competencias no eido marítimo, que se atribúe en exclusiva, pero non o fixo.

O Executivo galego considera ademais un agravio comparativo con outras comunidades -como Cataluña e Baleares- este xeito de actuar pois a normativa galega foi paralizada sen a celebración dunha comisión bilateral previa e recorrendo ademais os mesmos artigos que nos casos catalán e balear foron considerados constitucionais. A isto engádense, advertiu Ángeles Vázquez, as diferenzas en relación co País Vasco, ao que o Goberno central acordou traspasar os medios para a xestión e ordenación do litoral sen necesidade de reformar o seu estatuto a cambio do apoio do PNV á investidura.

A representante da Xunta puxo en valor que a lei galega é froito do “intenso esforzo e compromiso” de numerosos expertos e representantes de entidades relacionadas co sector marítimo-pesqueiro e que unicamente busca consolidar o futuro da costa galega, dos seus valores naturais, patrimoniais, paisaxísticos e económicos.

Neste sentido, a vicepresidenta segunda salientou que algúns deses profesionais -como os membros do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña- participan na xornada que acolle hoxe a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), aos que agradeceu o seu traballo para elaborar unha lei “duradeira, de consenso e ambiciosa”. Na mesma liña, fixo unha mención especial ao letrado da Xunta e xefe do Gabinete de Asuntos Constitucionais da Asesoría Xurídica Xeral, Santiago Valencia, “polo exhaustivo e rigoroso labor na resposta ao recurso” de inconstitucionalidade, un extenso documento de 350 páxinas remitido o pasado mes de decembro ao tribunal.

Ángeles Vázquez asegurou que a cuestión de inconstitucionalidade vai en contra das galegas e galegos pois a paralización da lei pon en risco o futuro de 4.000 edificacións e máis de 100 industrias asentadas na costa, afecta a máis da metade da poboación de Galicia e ameaza os arredor de 40.000 empregos vencellados coa cadea mar-industria así como outros relacionados co sector turístico.

A responsable autonómica reiterou que Galicia é plenamente competente para ordenar o seu territorio e que, por iso, defenderá a lei de xestión integrada do litoral ata o final. Ao mesmo tempo, instou ao Goberno central a retirar o recurso para non poñer trabas ao desenvolvemento e ao futuro de Galicia.

Na xornada tamén participou a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, que destacou a importancia de ofrecer formación nesta materia xa que a preservación do litoral é unha necesidade estratéxica, esencial para conservar o patrimonio e, á súa vez, o tecido produtivo construído ao redor da industria do mar. Nesta liña, lembrou que a xornada ten como finalidade contribuír á reflexión sobre estes aspectos e realizar unha análise sobre a lei e a súa inserción no marco xurídico autonómico, prestando especial atención aos seus puntos claves e ás novidades introducidas pola propia norma.

Encontro

A xornada aborda desde diferentes ángulos a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia incidindo en aspectos como a xestión integrada das zonas costeiras, os usos e actuacións estratéxicas que recolle e a distribución de competencias no dominio público marítimo-terrestre.

Ademais de Santiago Valencia -que aborda o reparto de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas-, no encontro participan outros expertos na materia como o catedrático de Dereito Administrativo e director do Observatorio do Litoral, Francisco Javier Sanz, que incide na xestión integrada das zonas costeiras, ou a catedrática de Dereito Administrativo e coordinadora do Observatorio do litoral, Marta García, que se centra nos usos e actuacións estratéxicas do litoral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024