A Xunta abre mañá o prazo de solicitude para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais
O DOG publica hoxe a convocatoria dirixida aos concellos galegos e que se realizará en réxime de concorrencia competitiva
Os interesados teñen ata o 30 de abril para optar a estas axudas que buscan cubrir con seguridade e calidade as demandas enerxéticas das empresas
Continúa aberto o prazo das axudas para a modernización de infraestruturas e para a creación e mellora dos viveiros industrias dos parques empresariais galegos
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, que estará aberta desde mañá e ata o 30 de abril.
Cun orzamento de 4,7 M€, as axudas serán de concorrencia competitiva e diríxense aos concellos galegos. Búscase establecer medidas de reforzo e extensión neste tipo de infraestruturas nos parques empresariais, que precisan un abastecemento de enerxía eléctrica a través de redes de distribución que permitan cubrir con seguridade e calidade as demandas das empresas que albergan e dos futuros proxectos que poidan implantase.
Con carácter xeral, a intensidade da axuda será dun 80 % do importe total subvencionable cun máximo dun millón de euros por solicitude.
As principais novidades desta convocatoria son que o prazo de execución será de tres anualidades para ofrecer tempo suficiente que permita realizar todos os trámites e actuacións necesarios e, ademais, prevese unha liña específica para aqueles proxectos que obtiveron axuda na última edición pero que tiveron que renunciar por falta de tempo para obter autorizacións e para executar as actuacións.
Apoios para infraestruturas e viveiros
A Xunta informa de que nestes momentos xa está aberto o prazo para solicitar outro tipo de melloras nos parques empresariais da Comunidade.
Así, ata o 19 de febreiro permanecerá aberta a liña para a habilitación e mellora das infraestruturas nos polígonos. Os apoios teñen unha intensidade do 80 % para mellora de iluminación, depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias ou instalacións de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos de subministración de gas ou hidróxeno.
Por outra banda, os apoios para a creación e mellora de viveiros industriais nos parques empresariais galegos están en prazo ata o 26 de febreiro. As axudas terán unha intensidade do 80 % con axudas máximas que poderán chegar aos 240.000 euros no caso da creación de viveiros e de 75.000 para as actuacións de mellora