Os servizos de hematoloxía do Sergas xa están en disposición de recrutar os pacientes beneficiarios das terapias CAR-T que se fabricarán en Galicia

O conselleiro de Sanidade visita o persoal do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas da Xunta de Galicia, emprazado no campus universitario

Alta cualificación biosanitaria e talento retornado, entre as principais características do equipo humano do Centro
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade saudou este mércores o persoal do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, entre o que se atopan profesionais científicos e técnicos de alta cualificación. No percorrido polas instalacións, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado da xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, o director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e a xerente de Galaria, Rocío Mosquera. Xuntos percorreron a superficie de preto de 1.000 metros cadrados que alberga salas brancas e de criopreservación, laboratorios de control de calidade, almacéns, despachos e áreas técnicas destinadas a usos auxiliares e administrativos. 

Comesaña destacou o labor de Galaria no proceso de selección, pola “excelencia dos perfís biosanitarios e a atracción de talento internacional retornado”. Así mesmo, o persoal do centro público galego falou dos estritos procedementos e controis esixidos para obter o certificado de normas de correcta fabricación. 

Así, unha vez finalizadas as probas de instalación e operación dos equipos, está previsto iniciar os chamados procesos de simulación aséptica e as tarefas de produción para demostración de identidade cos produtos ARI 003 fabricados polo Hospital Clínic de Barcelona, cuxo ensaio clínico vén de obter a aprobación, polo que comezarase a recrutar pacientes nas vindeiras semanas. Neste contexto, os Servizos de Hematoloxía do Sergas xa están en disposición de seleccionar os doentes que poderán beneficiarse logo das terapias CAR-T.
 
O conselleiro de Sanidade agradeceu o traballo dos actores implicados na posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas, e afirmou que este centro da Xunta contribúe a que Galicia “sexa un referente, tanto na produción como na investigación destes tratamentos”.

Garantía de calidade, infraestrutura e potencial

 Dentro do programa de I+D do centro, un dos doutorandos que forman parte do cadro do persoal está a traballar baixo a dirección conxunta da doutora África González (UdV), nun novo CAR-T fronte tumores sólidos gástricos e pancreáticos. Mentres tanto, outro dos doutorandos está a explorar a modificación xenética dos linfocitos T a través de nanopartículas en lugar de lentivirus, baixo a codirección da doutora María José Alonso, da USC.
 
Toda esta actividade compleméntase cunha infraestrutura dotada con todos os recursos técnicos e tecnolóxicos de última xeración. O centro conta cunha orientación clínica e científica e contempla tanto actividade asistencial como investigadora, con cinco proxectos colaborativos con centros autonómicos e nacionais, no marco da Unidade Cooperativa de Investigación en Terapias Avanzadas.

Que son e como funcionan as terapias CAR-T

As terapias CAR-T son un tipo de terapia na que se modifican xeneticamente os linfocitos T do propio paciente para que ataquen as células canceríxenas. Este proceso comeza coa súa recolección e segue co posterior envío ao laboratorio. Unha vez alí, modifícanse para expresar o receptor quimérico, deseñado para recoñecer unha proteína específica da superficie das células canceríxenas e que non se atopa nas células normais do corpo. O obxectivo é que as células T obtidas recoñezan as células canceríxenas e as ataquen e destrúan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024