A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu hoxe ao embarque dos exemplares nun barco de Gardacostas para devolvelos ao mar

As tartarugas Ibai, Luceira e Lula regresan ao seu medio natural tras recuperarse nas instalacións da Xunta

Ángeles Vázquez pon en valor o traballo que realiza a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) desde hai dúas décadas a prol da asistencia, recuperación e estudo dos animais mariños varados nas costas da Comunidade

Os réptiles apareceron a finais do ano pasado na ría de Cedeira, na do Barqueiro e en Fisterra, atrapados en redes de pesca, e foron rescatados polos propios mariñeiros

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 30 de xaneiro de 2024

Tres tartarugas mariñas —Ibai, Luceira e Lula— foron liberadas esta tarde no mar unha vez completada a súa recuperación no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), organismo dependente da Xunta e no que estiveron ingresadas nas últimas semanas baixo a supervisión do persoal da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma).

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asistiu hoxe ao embarque dos tres exemplares na patrulleira Punta Roncadoira do Servizo de Gardacostas de Galicia, que saíu desde o porto de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, para proceder á súa solta na boca da ría.

Acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a vicepresidenta segunda supervisou o operativo xunto ao persoal de Cemma e de Gardacostas, que se encargou da posterior liberación dos tres exemplares, unha vez en alta mar.

Neste sentido, Ángeles Vázquez puxo en valor o “gran traballo” que realiza en Galicia a Cemma a prol da atención, a recuperación e o estudo dos animais mariños (mamíferos e réptiles) que cada ano recalan nas costas galegas, subliñando a importancia de que o seu departamento, no marco das competencias que ten en defensa da conservación dos hábitats e especies, se rodee de organizacións como esta para completar o seu labor.

Rescate e traslado directo ao Igafa

Ibai, Luceira e Lula foron rescatadas por tres barcos pesqueiros fronte ás costas galegas. Máis concretamente, a primeira destas tartarugas foi localizada o pasado 15 de novembro por un pescador, que a levou ata o porto de Fisterra, onde a bautizaron co nome do seu fillo. Ese mesmo día, o pesqueiro Luceiro uno capturou nas súas redes á tartaruga Luceira, que foi trasladada ata Cedeira para que recibira atención.

Por último, Lula apareceu atrapada tamén nas redes dun pesqueiro o 1 de decembro e tras o seu rescate, foi trasladada ata o porto do Barqueiro. Neste caso o nome foi escollido polos fillos do patrón do barco que a localizou.

Unha vez en terra e tras facerlle os exames rutineiros e comprobar que non presentaban feridas graves, decidiuse trasladar ás tartarugas directamente ás instalacións do Igafa, organismo dependente da Consellería do Mar. Alí permaneceron ingresadas para que gañaran peso e garantir a súa total recuperación, antes de devolvelas ao mar.

Baixo a supervisión do persoal da coordinadora, o coidado destes animais nas últimas semanas contou tamén coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto na Illa de Arousa co fin de favorecer a súa progresión. De feito, este tipo de estadías adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados coa protección dos mamíferos mariños e o fomento da sensibilidade medioambiental.

Colaboración desde o ano 2003

A colaboración da Xunta coa Cemma baséase na ampla traxectoria e experiencia que avalan na Comunidade a esta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos animais varados nas costas galegas e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios asinados co Goberno autonómico desde o ano 2003.

De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de varamentos de Galicia, xa que os animais tratados soen ser especies protexidas, o que require das pertinentes autorizacións.

Cómpre lembrar que o ano pasado rexistráronse nas costas da Comunidade un total de 573 animais varados ou en risco de varar. A inmensa maioría destes exemplares eran cetáceos (un 94%) e dentro destes, máis da metade eran golfiños comúns aínda que tamén se detectou unha grande cantidade de delfínidos non identificados.

Así mesmo, cómpre lembrar que, na última década, 14 lobos mariños e 13 tartarugas pasaron polo Igafa como paso previo á súa reintegración no medio natural. Nestes momentos, outras dúas tartarugas, Cicles e Arou, permanecen no centro á espera de que, unha vez completada a súa recuperación, poidan ser devoltas ao mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024