A Mesa Sectorial de Sanidade acorda reunir á Comisión de Seguimento para analizar as condicións do persoal médico de urxencias hospitalarias

O departamento sanitario da Xunta e os sindicatos -CIG, CSIF, CCOO e UGT- consensuaron a convocatoria, para vindeiro 20 de febreiro, da Comisión de Seguimento do Acordo regulador da xornada, retribucións e condicións de traballo deste persoal sanitario

Entre outros asuntos, abordarase o estudo das necesidades e os seus plans funcionais; o cómputo das xornadas de docencia e outras actividades non asistenciais, ou o seu réxime de descanso

Ámbalas dúas partes, tamén acordaron que, nesa mesma data, se reunirá á Mesa Sectorial de Sanidade para analizar diferentes aspectos do acordo acadado o pasado 20 de abril de 2023

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa Sectorial na que, o Servizo Galego de Saúde e as organizacións sindicais -CIG, CSIF, CCOO e UGT- acordaron a convocatoria dunha reunión, para o vindeiro 20 de febreiro, da Comisión de Seguimento do Acordo regulador da xornada, retribucións e condicións de traballo do persoal médicos das urxencias hospitalarias.

Neste senso, entre os asuntos que se abordarán na reunión da Comisión de Seguimento, destacan: o estudo das necesidades e os plans funcionais vencellados a este persoal sanitario, o cómputo das xornadas de docencia e outras actividades non asistenciais, ou o réxime de descanso e o seu cómputo. Así, os acordos que se acaden nesta xuntanza serán elevados, posteriormente, á Mesa Sectorial de Sanidade.

Do mesmo xeito, nesa mesma data tamén se reunirá a Mesa Sectorial para abordar o tratamento de aspectos relacionados con Acordo do 20 de abril de 2023. En concreto, no que atinxe á xornada complementaria do persoal médico de urxencias hospitalarias, PAC e da Fundación Pública do 061; o tratamento do persoal médico de urxencias hospitalarias maior de 55 anos; ou a dispoñibilidade nas urxencias hospitalarias.

Na xuntanza, na que tamén estivo presente o director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, tamén se comunicou a aprobación dun novo programa especial para o aboamento, como día de especial significación, da xornada de realización do exame da fase de oposición do proceso selectivo da categoría do grupo auxiliar da función administrativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024