A Xunta e o concello de Ponteareas asinan o convenio para a construcción do novo centro de saúde da localidade

A construción deste novo centro de saúde está prevista no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado no Consello da Xunta en outubro de 2021

O plan funcional deseñado pola Xunta para este novo centro inclúe a integración no mesmo da base do 061 e espazos propios para a unidade de saúde mental que comezou a funcionar en 2022 nunha localización provisional
 

Ponteareas, 30 de xaneiro de 2024

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Ponteareas, María Nava Castro Domínguez, acompañados polo delegado territorial de Pontevedra, Agustín Reguera e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a construción dun novo centro de saúde no concello de Ponteareas. 

A construción deste novo centro de saúde estaba prevista como prioritaria no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia aprobado polo Consello da Xunta en outubro do ano 2021, dada a antigüidade de máis de 35 anos do actual edificio e a súa carencia de posibilidade de acoller novos espazos.

Culmínase así o trámite de colaboración despois de que en setembro de 2023 fose asinado un protocolo de colaboración co Concello de Ponteareas co obxecto de darlle a seguridade xurídica suficiente para poder levar a cabo a adquisición das parcelas necesarias para a construción do novo centro de saúde, o que xa fixo a través da compra de dúas parcelas situadas enfronte do CEIP número 3.

Agora dáse un paso máis e a través da sinatura deste convenio a administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra mentres que o Concello asume o de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela que contará con aproximadamente mais de 5000 m2, ademais de asumir a exención do IBI e a recoller a bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro dita consideración.

Plan funcional para o novo centro

O plan funcional que a Xunta se compromete a desenvolver para o novo centro de saúde a través deste convenio contempla un inmoble de máis de 5.000 m2, o que supón un incremento de superficie de case o 80% respecto dos 2.830 m2 do actual centro, o que permitirá por exemplo integrar no novo edificio a base do 061.

Ademais, este novo centro contará cos espazos necesarios, por exemplo, para poder desenvolver a carteira de servizos como a unidade de saúde mental, que comezou a funcionar esta lexislatura nunha localización provisional, tras unha pequena reforma do actual centro de saúde. Unha vez que o novo centro de saúde estea rematado esta nova unidade de saúde mental disporá do seu espazo propio e definido.

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con 9 consultas de medicina de familia, 11 de enfermería, 2 de docencia, consulta de farmacia, área de saúde bucodental con 2 consultas, despacho de traballador social, area de fisioterapia con consulta e ximnasio, sala de toma de mostras, 4 salas polivalentes, 1 de paciente infeccioso, zona de radiodiagnóstico, 2 consultas de matrona e sala de educación sanitaria, 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica e 2 salas polivalentes, 2 despachos de coordinación.

No punto de atención continuada (PAC) contará con 1 sala de reanimación e 2 de observación, 3 consultas de medicina e 3 de enfermería e a base do 061.

A área de psiquiatría disporá de 5 consultas, despacho de traballador social e sala de actividades grupais. Tamén se integraran outras áreas como información e laboratorio e a area de especialistas disporá de 4 consultas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024