O presidente da Xunta recibiu os responsables desta alianza empresarial tecnolóxica que lle confirmaron a posta en marcha dunha fábrica no polígono de Morás
Rueda agradece ao grupo Amper que reforce a súa aposta por Galicia coa construción dunha nova planta en Arteixo
Pon en valor a “longa e consolidada” traxectoria na Comunidade deste grupo especializado en almacenamento de enerxía e na fabricación de compoñentes de eólica mariña
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe ao grupo empresarial tecnolóxico Amper que reforce a súa aposta por Galicia coa construción dunha nova planta en Arteixo (A Coruña), que se dedicará á fabricación de equipos de electrónica de potencia para enerxías renovables e para o almacenamento de enerxía en sistema de baterías.
O mandatario galego recibiu esta mañá en San Caetano o conselleiro delegado do grupo Amper, Enrique López, e o CEO de EKS Hitachi Energy, Alberto Prieto, que lle confirmaron unha “alianza estratéxica” para a posta en marcha desta nova fábrica no polígono de Morás, en Arteixo, e que se prevé que estea en marcha en dous anos.
Rueda fixo fincapé na relevancia para a Comunidade desta fábrica “cun enorme potencial”, á vez que puxo en valor que axudará a consolidar Galicia como referente en enerxías renovables e, en particular, na eólica mariña, “na que Galicia ten un enorme presente e tamén futuro”, aseverou.
Almacenamento de enerxía e fabricación de compoñentes de eólica mariña
O presidente galego lembrou que o Grupo Amper é líder e referente internacional cunha “longa e consolidada traxectoria” en Galicia, como demostra a iniciativa da súa división Nervión Naval Offshore para fabricar a plataforma flotante para eólica mariña nas instalacións do Porto Exterior de Ferrol; a planta nas Somozas para construír velas ríxidas; ou o seu interese en desenvolver iniciativas relacionadas coas enerxías alternativas no Porto da Coruña.