A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na que lle trasladaron unha nova proposta da Xunta para facilitar o acordo

A Xunta propón ao Concello de Santiago un marco xeral de colaboración para crear 1000 prazas de aparcamento no Hospital Clínico e estender o saneamento ao rural

A mellora da mobilidade e a integración urbana en torno ao hospital pasa pola elaboración dun Proxecto de Interese Autonómico, coa implicación do Concello, que servirá de base para dispoñer dun aparcadoiro xunto ao hospital e para humanizar o ámbito
 

A Xunta propón que o Concello habilite como aparcadoiro en superficie a parcela próxima ao CiMUS ofertada, conservando a súa titularidade e dispoñendo un espazo complementario a curto prazo para aliviar a situación
 

Propón que, en lugar de cederlle a parcela próxima ao CiMUS á Xunta, realice unha achega equivalente ao seu valor e contribúa con 3,5 M€ ao novo aparcadoiro de 1.000 prazas e urbanización do ámbito
 

O Goberno galego ofrécese a colaborar coa mesma cantidade, 3,5 M€, para cofinanciar nun 70% os proxectos de abastecemento e saneamento no rural
 

Esta nova achega do Goberno galego sumaríase ao actual investimento de 10,8 M€ que está a destinar á execución da depuradora da Silvouta
 

A Xunta trasladará unha nova proposta de convenio cos termos abordados na xuntanza de hoxe, que agarda que o Concello poida aceptar, por ser unha solución facilitadora para a mobilidade do hospital e para o saneamento

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

A Xunta proponlle ao Concello de Santiago un marco xeral de colaboración para crear 1.000 prazas de aparcamento no Hospital Clínico e estender o saneamento ao rural.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín na que lle trasladaron una nova proposta da Xunta para facilitar o acordo.  

Na reunión abordouse a necesidade, compartida por todos, de mellorar a integración urbana e a mobilidade en torno ao Hospital Clínico, complexo no que a Xunta está a investir máis de 100 M€ para acometer a súa ampliación e un centro de protonterapia pioneiro en España.

O Goberno galego considera que a mellora da mobilidade e a integración urbana do hospital pasa por actuar na contorna do hospital mediante a ordenación, a humanización e a dotación de novas prazas de aparcadoiro no propio ámbito hospitalario. 

Para iso é preciso definir esas actuacións necesarias a través dun Proxecto de Interese Autonómico, en colaboración co Concello, e que debe servir de base para a creación desas 1.000 novas prazas de aparcamento no ámbito hospitalario.

A Xunta considera que o Concello de Santiago debe implicarse para integrar o hospital na cidade e para facilitar ao acceso á sanidade pública, do mesmo xeito que fan os concellos de Pontevedra e da Coruña.
 
Para iso, o Goberno galego propón que o Concello habilite como aparcadoiro en superficie a parcela do CiMUS, seguindo o modelo do de Santa Marta, conservando, ademais, a súa titularidade. Esta iniciativa permitiría dispoñer dun espazo de aparcadoiro complementario a curto prazo, que aliviaría a situación do Hospital.
 
Como solución definitiva, sería preciso executar obras de humanización e dotación de 1.000 novas prazas de aparcamento na contorna do hospital, para o que se solicita unha achega municipal de 3,5 M€, tendo en conta que o Concello non tería que cederlle á Xunta a parcela do CiMUS, que ten un custo equivalente. Deste xeito, a achega municipal baixaría dos 4,3 millóns de euros, da proposta inicial, a 3,5 M€.
 
Ademais a Xunta, pola súa banda, achegaría a mesma cantidade, 3,5 M€, para cofinanciar nun 70% os proxectos de abastecemento e saneamento no rural, que foi o outro asunto abordado na reunión de hoxe, o que significa que a achega do Concello quedaría practicamente a cero.
 
O saneamento e o abastecemento son competencias municipais, pero aínda así, a Xunta está a investir 10,8 M€ na depuradora da Silvouta, unha achega, que segundo o acordado hoxe, se incrementaría noutros 3,5 M€ para estender os servizos ao rural.
 
A Xunta trasladará unha nova proposta de convenio cos termos abordados na xunta de hoxe, co obxectivo de que o Concello de Santiago, unha vez a estude en detalle, a teña en consideración por tratarse dunha alternativa facilitadora para poder ofrecerlles aos cidadáns solucións reais para os problemas reais que afectan ao seu día a día.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024