A Xunta formaliza o contrato dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, adxudicado por máis de 22 M€

O obxectivo é dotar ao Novo CHUAC duns accesos máis funcionais, sinxelos e integrados que faciliten a entrada aos distintos servizos e ao aparcadoiro, así como o funcionamento do complexo durante as obras

Os traballos, que inclúen proxecto e execución da obra, contan cun prazo de 28 meses

As intervencións inclúen a mellora da conexión coa AC-12, a construción dun anel perimetral e a conexión coa rede viaria municipal, ademais da execución dun acceso provisional coa AC-10 para facilitar as obras e un aparcadoiro temporal con 195 prazas

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

A Xunta vén de formalizar o contrato de proxecto e execución de obra dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC, adxudicado por máis de 22 M€.

A Administración autonómica asinou o contrato co representante da adxudicataria, a unión temporal de empresas Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U. - Francisco Gómez y Cía., S.L.- Vázquez y Reino, S.L.

As obras, que se realizarán mediante unha encomenda de xestión do Servizo Galego de Saúde –adscrito á Consellería de Sanidade-, á Axencia Galega de Infraestruturas -dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade- teñen como obxectivo mellorar o modelo actual de accesos e adaptalos ao proxecto do Novo CHUAC e á mobilidade da contorna, a través dun esquema sinxelo e entendible por todos os usuarios.

O prazo de execución para a redacción do proxecto é de 4 meses desde o día seguinte ao da sinatura do contrato, dispoñendo dun prazo de execución para a construción das obras de 24 meses, desde o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación do replanteo.

En paralelo á contratación desta actuación, realizáronse os actos expropiatorios, o que permite que a UTE adxudicataria realice os labores de xeotecnia ou topografía de detalle nas parcelas na fase de redacción do proxecto construtivo.

O obxectivo desta intervención é dotar o Hospital Público da Coruña duns accesos máis funcionais, sinxelos e integrados, que faciliten a entrada aos distintos servizos e ao aparcadoiro e o funcionamento do complexo durante as obras.

Para iso mellorarase a conexión do CHUAC coa rede viaria de alta capacidade a través da AC-12 ou avenida da Pasaxe.

A conexión coa AC-12 realizarase mediante un enlace tipo trompeta e unha glorieta de 41 metros de diámetro, procurando en todo momento a máxima integración na contorna e o mínimo impacto.

Esta actuación permitirá, ademais, optimizar os accesos ao Hospital San Rafael desde a AC-12 ou avenida da Pasaxe.

Tamén se prevé a execución parcial da vía perimetral que dará acceso directo aos distintos servizos do hospital e conectará coa rede viaria urbana en diferentes puntos. A configuración desta parte do anel perimetral do Novo CHUAC suporá a execución de 4 km de vías e 21 eixes diferentes.

Ademais, construirase un acceso provisional de saída cara á AC-10 durante a execución das obras para facilitar o seu desenvolvemento, así como a habilitación dun aparcadoiro tamén temporal ao oeste da rúa Curramontes con máis de 5.000 metros cadrados de superficie e 195 prazas de estacionamento.

Data de actualización: 30/01/2024