A Xunta anima á mocidade galega a aproveitar as oportunidades que lles ofrece o medio rural

José González, que tamén realizou unha visita técnica ás novas instalacións do CFEA, puxo en valor que a nosa comunidade é líder nacional no sector lácteo e que produce o 42 % do leite de España, ademais da súa potencia forestal ou no sector cárnico

Reafirmou a aposta da Xunta pola remuda xeracional no agro e destacou a oferta dos centros de formación e experimentación agraria, que se incrementa ano a ano

Salientou en particular o CFEA de Sergude, no que actualmente se forman máis de 130 alumnos e que vén de rematar a súa mellora e ampliación no espazo estudantil

Boqueixón (A Coruña), 30 de xaneiro 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, explicou hoxe as oportunidades que ofrece o agro para a mocidade, a través dunha charla impartida aos alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, na localidade coruñesa de Boqueixón.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, puxo en valor a situación de liderado nacional de Galicia en ámbitos como o lácteo ou o forestal, así como a súa boa posición noutros subsectores, caso do cárnico.

Así, lembrou que a nosa comunidade produce o 42 % do leite de España e que se atopa entre as dez primeiras rexións europeas neste eido. Tamén, que Galicia acumula -con máis de 11 millóns de metros cúbicos- a metade das cortas de madeira do conxunto do Estado e que a riqueza do bosque galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros.

Remuda xeracional

Ademais, dirixíndose especialmente aos mozos que estudan en Sergude, José González reafirmou a aposta da Xunta pola remuda xeracional no agro. Recordou, neste sentido, a recente publicación da convocatoria para 2024 das achegas para a incorporación de mozos ao agro galego, cun prazo de presentación de solicitudes que estará aberto ata o vindeiro día 22 de marzo, remarcou.

En parecidos termos, o conselleiro salientou outra liña de axudas que se vai poñer en marcha este ano para facilitar a sustentabilidade da actividade agrogandeira, dotada cun investimento de medio millón de euros, para propiciar a continuidade das explotacións que pechen por xubilación, a través do instrumento do Banco de explotacións. Outras axudas das que falou González nesta charla son as destinadas aos produtores da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que contan cun orzamento de 12 millóns de euros e que poderán solicitarse ata o vindeiro día 5 de febreiro.

No mesmo sentido, o titular de Medio Rural fixo especial fincapé, como mostra da riqueza e as oportunidades do rural, nos principais sectores estratéxicos do agro galego, caso do lácteo, o cárnico ou a horta, para os que -lembrou- a Xunta puxo en marcha as súas correspondentes estratexias, sen esquecer o forestal, que conta -como folla de ruta fundamental- co seu propio Plan 2021-2040 “cara á neutralidade carbónica”.

Oferta formativa

Xa no terreo formativo, o conselleiro destacou a oferta dos centros de formación e experimentación agraria (CFEA), como este de Sergude, cuxa oferta -indicou- medra cada ano. Así, neste curso ofértanse 328 novas prazas no conxunto de Galicia. José González referiuse tamén a outras modalidades educativas, como a formación on line ou aos cursos “gandeiros 20-30”, orientados cara á formación empresarial deste colectivo.

Nesta liña da formación, o conselleiro mencionou especificamente o CFEA de Sergude, no que actualmente se forman máis de 130 alumnos e que vén de rematar a súa renovación, na liña de converterse, no futuro, no “espello do rural”, como centro de referencia para a promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia.

Precisamente, tras impartir esta charla aos alumnos, José González realizou unha visita técnica ás novas instalacións. A reforma de Sergude foi financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, con fondos react-eu como parte da resposta da unión á pandemia da covid-19. Permitiu mellorar as instalacións existentes e construír un novo edificio para os estudantes, ampliando de 52 a 82 o número de prazas da residencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024