A Xunta abre o prazo do Plan anual de formación en idiomas para profesionais do turismo con 1.000 prazas

Para os cursos gratuítos de inglés, francés, alemán, italiano, portugués e francés, as persoas interesadas poden solicitar a súa praza ata este domingo 5 de febreiro

Impartiranse un total de 70.000 horas de clases e hai 200 prazas en cada idioma

Tamén está aberto o prazo para os cursos de lingua de signos para empresas turísticas e hostalería con 60 prazas dispoñibles e o prazo aberto ata o 15 de febreiro

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

O Plan de formación en idiomas posto en marcha pola Xunta de Galicia para traballadores e profesionais do sector turístico de Galicia arranca a súa nova edición na que se impartirán 70.000 horas de clases en idiomas e se poñen a disposición un total de 1.000 prazas.

 

Trátase dunha formación gratuíta para traballadores e profesionais do sector turístico de Galicia que busquen mellorar as competencias lingüísticas para facilitar a atención a peregrinos ou viaxeiros internacionais. O alumnado poderá formarse en inglés, francés, alemán, italiano e portugués, con 200 prazas en cada caso.

 

O Plan anual de formación en idiomas ofrece unha formación flexible e adaptada ao nivel de cada alumno. Os alumnos poden compaxinar coa súa profesión turística ao ter dispoñibilidade horaria para facer os cursos, cun total de 12 semanas de formación e 75 horas de formación entre os meses de febreiro e abril do 2024.

 

Os alumnos poderán mellorar o seu nivel de idiomas para comunicarse cos clientes, e mellorar a información nos seus establecementos en outras linguas, tanto en soporte escrito como en conversa. Dispoñen, ademais, dun titor personalizado para resolver as dúbidas que o acompañará durante todo o curso. Estes cursos de idiomas comezarán o 12 de febreiro, e as persoas interesadas poden solicitar xa a súa praza ata o día 5 de febreiro a través do apartado de formación na páxina web de Turismo de Galicia.

 

Accesibilidade

Ademais da formación en Idiomas, tamén está aberto o prazo para os cursos Lingua de signos (LSE) e comunidade xorda para as empresas turísticas e para a hostalaría. Cun total de 60 prazas dispoñibles, ofértanse dous cursos en modalidade a distancia. Trátase de Achegamento á Lingua de signos e ás persoas xordas para empresas (Nivel 1), e Achegamento á Lingua de signos e ás persoas xordas para empresas (Nivel 2), e dous cursos en modalidade presencial no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) de Lingua de signos e comunidade xorda para profesionais da hostalaría.

 

Os cursos presenciais serán os días 21 de febreiro e o 13 de marzo de 9:30 a 17:30 con 15 prazas por curso e inclúe 6 horas teórico-prácticas e xantar de traballo no Restaurante á Carta do CSHG. Pódese solicitar praza ata o 15 de febreiro na web de Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024