A oficina rural de Castro Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei, remata as súas obras de acondicionamento cun investimento de máis de 135.000 euros

Leváronse a cabo diferentes actuacións, como a renovación da carpintería exterior ou a construción dun peche acristalado

Esta reforma, incluída no Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, permite ofrecer unha mellor atención á cidadanía e aos traballadores da propia oficina

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

A oficina rural de Castro Ribeiras de Lea, no concello lucense de Castro de Rei, vén de rematar o proceso de acondicionamento das súas instalacións a través dunha actuación promovida pola Consellería do Medio Rural, para a que se realizou un investimento de 135.559,43 euros.

 

As actuacións realizadas incluíron o acondicionamento interior e a realización de traballos de pintura, renovación da carpintería exterior e mobiliario para o persoal laboral, ademais da construción dun peche acristalado.

 

O obxectivo desta actuación, incluída no Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, é ofrecer unha mellor atención á cidadanía e aos traballadores da propia oficina. Nela, préstanse atención xeral á cidadanía nas materias da súa competencia, ademais de servizos agrarios e veterinarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024