O conselleiro do Medio Rural visitou esta tarde as instalacións dunha granxa neste concello coruñés

A Xunta pon en valor as axudas para a incorporación de mozos ao agro nunha visita a unha explotación de vacún de carne en Curtis

O conselleiro do Medio Rural estivo nunha granxa cuxo titular foi beneficiario destas achegas, que procuran, entre outros obxectivos, mellorar a competitividade do sector e facilitar a remuda xeracional

José González fixo tamén fincapé no enfoque empresarial da xestión destas explotacións, buscando sempre a súa rendibilidade e sustentabilidade tanto ambiental como social e económica

Lembrou que recentemente se publicou a convocatoria de 2024 destas subvencións -tanto para incorporación de mozos como para plans de mellora e pequenas explotacións-, dotada con 47 millóns de euros e que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 22 de marzo

Explotacións como a visitada hoxe tamén son potencialmente beneficiarias das axudas de apoio aos produtores de Ternera Gallega
 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe unha explotación gandeira de vacún de carne na localidade coruñesa de Curtis, acompañado polo seu alcalde, Javier Caínzos. O titular desta explotación, que conta con 120 cabezas de gando e cunha superficie de 39 hectáreas dedicadas a cultivos forraxeiros, foi beneficiario das axudas para incorporación de mozos xestionadas pola Xunta e que o conselleiro puxo en valor.

Nesta liña, José González cualificou estas achegas como claves para reforzar o tecido produtivo do rural e indicou que con elas se busca mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e dun correcto equilibrio dos seus factores de produción, co obxectivo de mellorar a competitividade e facilitar a remuda xeracional.

Neste mesmo sentido, o conselleiro lembrou que en datas recentes se publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria destas subvencións -tanto para incorporación de mozos como para plans de mellora e pequenas explotacións- correspondente ao 2024, dotada con 47 millóns de euros e que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 22 de marzo. Trátase, engadiu González, de favorecer a rendibilidade das explotacións, dentro dun enfoque empresarial no que a Xunta fai especial fincapé. Porque estas granxas, advertiu González, “non son outra cousa que empresas, que precisan de estabilidade para manterse no tempo e precisan ser sustentables desde o punto de vista ambiental, por suposto, pero tamén económica e socialmente”.

Tripla sustentabilidade

Por iso, o conselleiro reiterou a aposta do Goberno galego por unha aplicación progresiva e con “sentidiño” da PAC, que lles permita aos gandeiros preservar o medio ambiente ao tempo que desenvolven a súa actividade. Insistiu, neste sentido, en que “os agricultores e gandeiros son os primeiros interesados en defender esa tripla sustentabilidade, e así o veñen facendo a través dunha xestión activa do territorio rural”.

Por outra parte, José González salientou ademais que esta explotación de Curtis tamén pode ser un potencial beneficiario das axudas aprobadas recentemente pola Xunta para apoiar os produtores de Ternera Gallega. Recordou, así mesmo, que esta liña de achegas está dotada con 12 millóns de euros e que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 5 de febreiro.

Apoio á gandaría

Neste contexto, o titular de Medio Rural sinalou que a Xunta apoia a actividade agrogandeira mediante iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria -chave para dotar de maior base territorial ás explotacións- ou a Estratexia de dinamización do sector cárnico. Neste sentido,  José González trasladou que busca consolidar un eido produtivo clave para o agro galego no que a nosa comunidade é un referente, a nivel nacional, xa que aglutina o 26 % das explotacións e agrupa case a metade das inscricións en denominacións de calidade de carne de vacún, con Ternera Gallega como selo de calidade diferenciada máis importante dentro de España. Engadiu ademais que o sector cárnico no seu conxunto (vacún, porcino, avícola, cabrún etc.) posibilita a posta en valor de máis de 307.000 hectáreas de terras agrarias e xera numerosos beneficios para o conxunto da sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024