A Xunta celebra un encontro na Coruña con mulleres beneficiarias do programa autonómico Lideramos de impulso ao talento directivo feminino

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron no acto

En Galicia son 150 as persoas con responsabilidades na dirección de equipos que toman parte no programa, máis dunha trintena na Coruña
 

A Coruña, 29 de xaneiro de 2024

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron esta tarde na presentación na Coruña do programa de formación Lideramos de impulso ao talento e liderado feminino, á mellora profesional e á xestión de equipos. Nel participan 150 mulleres das catro provincias, máis dunha trintena delas na provincia coruñesa.

No encontro púxose en valor a experiencia das participantes nesta iniciativa que promove eliminar fendas de xénero e fortalecer a creación de novos perfís profesionais, motivar e crear cadros de persoal diversos. Todo no marco do compromiso do Goberno galego coa igualdade de xénero, apostando polo liderado feminino e pola competencia da xestión executiva.

Nese senso, segundo as directoras xerais, programas como Lideramos favorecen a interrelación entre as participantes, mellorando as capacidades de liderado e comunicación, destacando as fortalezas e talentos individuais. Do mesmo xeito, promóvese o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas.  

O acto de hoxe enmárcase no programa de actividades do programa Lideramos que arrancou na última semana de decembro en Pontevedra e que seguirá o seu curso con accións programadas ata o 11 de abril nas catro provincias.

En concreto, a xornada de hoxe acolleu un relatorio da directora do proxecto, seguido dun coloquio sobre liderado feminino moderado pola directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha. A clausura correu a cargo da directora xeral de de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao.

Data de actualización: 29/01/2024