A conselleira de Política Social e Xuventude visitou hoxe a escola infantil ABC

Fabiola García destaca o aforro que ten para as familias de Ferrol a aplicación da gratuidade das escolas infantís

Puxo en valor a satisfacción que xera esta medida pioneira nos fogares e no sector

Ferrol, 29 de xaneiro de 2024

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe o aforro que ten para as familias galegas a aplicación da gratuidade en todas as escolas infantís da comunidade e para o 100% do seu alumnado de 0 a 3 anos. Ademais, puxo en valor a satisfacción que xera esta medida pioneira nos fogares e no sector, coa que se reforzan os avances que nos últimos anos se acadaron en Galicia no apoio á infancia, ás familias e á conciliación.

A conselleira, que estivo acompañada do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, destacou a boa acollida da gratuidade entre os fogares galegos, así como entre as propias escolas infantís, porque lle dá valor a atención educativa na primeira infancia. Así mesmo, considerou un motivo de orgullo que outras Comunidades Autónomas miren a Galicia para tentar imitar esta medida.

Na súa visita a ABC Ferrol, que leva xa preto de trinta anos en funcionamento, Fabiola García tivo a ocasión de falar con responsables e profesionais do centro, así como de percorrer as súas aulas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024