Emigración abre o prazo de solicitude das axudas extraordinarias para as familias retornadas que este ano contan cun orzamento de 2 M€

Estas axudas extraordinarias, que se incrementan nun 18%, están dirixidas a que as familias poidan afrontar os gastos excepcionais que supón asentarse na comunidade

As persoas interesadas contan co acompañamento da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno

O Goberno Galego ten en marcha a segunda edición da Estratexia Galicia Retorna á que destina 450 millóns de euros co obxectivo de facilitar, ao longo dos vindeiros catro anos, o regreso de 30.000 galegos e galegas que viven no exterior

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria da liña de axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e que teñen como obxectivo axudarlles a afrontar os gastos excepcionais que supón o seu asentamento na comunidade autónoma. En total, a Xunta destina a este fin un orzamento para 2024 de 2 millóns de euros.

O fomento do retorno dos galegos e galegas do exterior é unha das liñas estratéxicas do Goberno autonómico para facer fronte ao reto demográfico, non só como unha cuestión poboacional, senón que se trata tamén de sumar talento para enriquecer o tecido empresarial.

A axuda pódese solicitar dende mañá, martes 30, ata o próximo 30 de setembro.

O importe da axuda establécese en función dos puntos obtidos ata chegar a un límite de 6000 euros, xa que se incrementa a axuda se a familia reside nun concello rural, e en función do número de fillos. Os principais países de procedencia das persoas beneficiarias son, segundo os datos dos últimos anos, Venezuela, a Arxentina, o Brasil, Cuba, Uruguai, México, Suiza, Alemania, Francia e Reino Unido, os Estados Unidos e Chile. A maioría dos beneficiarios eran fillos de nacidos en Galicia, aínda que se está a notar un aumento no número de netos retornados.

Todos os galegos e galegas do exterior que desexen volver a Galicia contan co apoio da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno, situada nas principais cidades galegas e onde se lles facilita toda a información e tamén un proceso de acompañamento que precisan no seu regreso, mesmo antes de que se produza esta volta, desde o seu país de residencia. Agora tamén, nunha oficina móbil que percorrerá toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024