O DOG publica hoxe unha nova convocatoria das axudas a autónomos con 1,3 M€ para a contratación de persoas traballadoras indefinidas

Os apoios poden solicitarse desde o día 5 de febreiro e ata o vindeiro 30 de setembro
 

As axudas son para a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador e, como novidade este ano, os autónomos recibirán unha maior contía se contratan a mulleres
 

Tamén se incentiva con maior apoio a contratación de persoas desempregadas de longa duración, maiores de 55 anos, persoas con discapacidade, persoas en situación ou risco de exclusión social e persoas emigrantes retornadas e estranxeiros
 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria do programa de axudas anual destinado á contratación por parte de autónomos de traballadoras e traballadores indefinidas (primeiro, segundo e terceiro empregado) e a súa formación. Investiranse 1,3 millóns de euros nesta actuación coa que se prevé a contratación dunhas 140 persoas desempregadas. Inclúense dous tipos de axudas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación para impulsar a cualificación no posto de traballo das persoas traballadoras indefinidas empregadas.

Estas axudas poden pedirse desde o 5 de febreiro e ata o vindeiro 30 de setembro. A finalidade da iniciativa é favorecer a creación de novos empregos estables e contribuír ao crecemento da economía e a que as persoas traballadoras autónomas fagan fronte á contratación de traballadores, incentivando de xeito especial os colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo.

Para a primeira persoa traballadora indefinida establécese un incentivo mínimo de 7.500 euros e máximo de 14.400 euros; e para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida fíxase un apoio mínimo de 9.000 euros e máximo de 17.600. Serán colectivos prioritarios e incentivados cunha maior contía nos apoios si a contratación referirse a persoas desempregadas de longa duración, as persoas maiores de 55 anos, persoas con discapacidade, persoas en situación ou risco de exclusión social e persoas emigrantes retornadas e estranxeiros. Este ano, como novidade, incorpóranse tamén a estes grupos as mulleres.

As contías base, ademais, poderán incrementar nun 15%, acumulables entre si, se a persoa contratada é unha muller nunha profesión ou oficio no que o sexo feminino estea subrepresentado, no caso de que o centro de traballo estea situado no rural, persoas maiores de 45 anos e persoas trans.

O Goberno galego está a impulsar a consolidación do emprego autónomo orientado ao desenvolvemento dos principais sectores económicos de Galicia, tendo deseñado e definindo múltiples actuacións en materia de promoción, apoio, consolidación e mellora ao longo da vida profesional deste colectivo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024