A Xunta abre mañá a convocatoria do Plan específico de acción comunitaria destinado ao movemento veciñal

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con tres millóns de euros para a execución de melloras nas instalacións de asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como nas de comunidades de usuarios de augas

As axudas que se conceden poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do Plan específico de acción comunitaria para 2024, dirixido a asociacións, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia. Dotado con tres millóns de euros, inclúe axudas para a mellora das instalacións destes colectivos co obxectivo de mellorar a calidade da vida no eido local e dinamizar o asociacionismo veciñal.

Deste xeito, poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.

Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 2,5 millóns de euros, para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

A outra liña de axudas financia, cunha achega de 500.000 euros, a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutro material básico para actividades específicas.

As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

A orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoración establecidos na mesma. Ademais, mantense a posibilidade da concesión de anticipos de ata o 100% que se farán efectivos unha vez realizada a notificación da subvención, por solicitude da entidade beneficiaria.

As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade no caso das entidades veciñais e de mulleres rurais e no libro de rexistro de augas do correspondente organismos de bacía como titulares de aproveitamento de augas. Todas elas deberán conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal no prazo dun mes desde mañá.

Data de actualización: 29/01/2024