O conselleiro de Sanidade destaca o labor da Real Academia de Medicina de Galicia a prol da docencia, da investigación e da divulgación científica

Así o sinala Julio García Comesaña, no acto de inauguración do curso académico 2024 desta institución

A Coruña, 26 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interveu hoxe no acto de inauguración do Curso Académico 2024 da Real Academia de Medicina de Galicia, no que destacou o traballo desta institución a prol da docencia, da investigación e da divulgación científica. Un traballo que contribúe de xeito claro, -remarcou o máximo responsable do Sergas-, na mellora do noso sistema sanitario.

O titular da carteira sanitaria puxo en valor a traxectoria dos seus académicos en eidos como o estudo científico, a innovación, a formación e o labor asistencial. Un saber e unha experiencia que se manifesta nas diferentes sesións científicas e actividades que desenvolve a Academia ao longo dos diferentes cursos.

Tamén subliñou o conselleiro o compromiso da Academia de Medicina galega co apoio ao talento, tal e como evidencia a convocatoria de dous premios anuais, sendo un exemplo a seguir no que respecta ao empuxe da investigación traslacional e a súa incorporación do coñecemento ao eido asistencial.

Para rematar a súa intervención, Julio García Comesaña dixo que Real Academia de Medicina de Galicia é unha institución motivo de orgullo pola súa vocación inquebrantable de servizo público ao longo de máis de 190 anos, sendo un foro de sabedoría.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024