A Xunta reforza con 4 M€ as axudas económicas individuais para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade

O obxectivo destas axudas é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de 8.000 familias galegas do exterior que se atopan nunha situación económica precaria

Esta liña de axudas increméntase nun 15% para mellorar a capacidade económica dos galegos máis necesitados fronte aos fortes procesos inflacionarios que sofren os países de América
 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica a nova liña de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade, que este ano conta cun orzamento de preto de 4 millóns de euros, un 15% máis que o ano anterior.

O obxectivo destas axudas é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de miles de familias galegas do exterior que se atopan nunha situación económica precaria.

A convocatoria deste programa da Secretaría Xeral da Emigración realízase en réxime de concorrencia non competitiva e está dirixida aos emigrantes de orixe galega, e a determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Trátase dunha axuda de pago único á que o departamento destina cada ano unha parte importante do seu orzamento.

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

A convocatoria abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas, por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de emerxencia social sobrevinda por desemprego na unidade económica familiar."

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024