O presidente da Xunta participa na inauguración do IX Simposio de Biopsia Líquida

Rueda apela ao esforzo colectivo para avanzar na prevención e detección temperá de enfermidades coma o cancro

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da consecución dunha medicina cada vez máis personalizada, así como de facer un gran labor de prevención, sobre todo no ámbito da oncoloxía. “Todos eses cribados que en Galicia se están demostrando exitosos conciencian á poboación de que é moito mellor someterse a un que ter que asumir despois consecuencias moito peores. A todos nos pode tocar e, polo tanto aquí si que deberíamos traballar con especial esforzo colectivo”, sinalou.

Fíxoo durante a inauguración do IX Simposio de Biopsia Líquida que se está a celebrar estes días en Santiago e no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. O titular do Goberno galego salientou a importancia deste encontro ao reunir a un amplo panel de especialistas, expertos e investigadores de primeiro nivel.

Así mesmo, indicou que ademais de mellorar o diagnóstico e buscar un aumento da supervivencia, resulta fundamental proporcionar tranquilidade ao doente e garantirlle a mellor calidade de vida, na medida do posible. A este respecto, Rueda puxo de manifesto o importante traballo feito en Galicia, como o Proxecto Xenoma, o Centro de produción de Terapias Avanzadas CAR-T ou o futuro centro de protonterapia.  

O presidente da Xunta tamén quixo aproveitar o encontro para agradecer o labor dos profesionais que conforman o sistema sanitario. “Aquí en Galicia temos magníficos profesionais da oncoloxía, da investigación”, asegurou, ao mesmo tempo que agradeceu tamén o labor que levan a cabo entidades como a Asociación Española contra o Cancro. “Ogallá chegue un día no que o cancro sexa un mal recordo, supoño que estará moi lonxe aínda pero tamén estou seguro de que temos avanzado moitísimo en pouco tempo”, manifestou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024