A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou a área recreativa do Muíño de Céltigos, en Frades

A Xunta destina 2,8 M€ a axudas para preservar e mellorar a biodiversidade da Rede Natura 2000

Ángeles Vázquez explica que poderán optar a esta convocatoria os concellos incluídos total ou parcialmente neste espazo protexido, as persoas físicas, as asociacións sen ánimo de lucro e as comunidades de montes veciñais en man común

Os beneficiarios terán un mes de prazo para presentar as súas solicitudes, contado a partir de mañá, sábado, 27 de xaneiro

Frades (A Coruña), 26 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia destina 2,8 millóns de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade, tanto da Rede Natura 2000 como dos sistemas agrarios de alto valor natural, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Durante unha visita á área recreativa do Muíño de Céltigos, no concello coruñés de Frades, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou que o obxectivo desta orde de axudas é financiar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional.

Nesa liña, Ángeles Vázquez explicou que poderán optar a esta convocatoria bianual de axudas os concellos incluídos total ou parcialmente na rede Natura 2000 de Galicia, as persoas físicas, as asociacións sen ánimo de lucro e as comunidades de montes veciñais en man común.

Os beneficiarios terán un mes de prazo para presentar as súas solicitudes -contado a partir de mañá, sábado, 27 de xaneiro- e poderán recibir o 100 % do custo subvencionable cun importe máximo de 30.000 euros no caso dos concellos e de 15.000 euros no resto dos casos.

Entre as actuacións subvencionables, inclúense iniciativas para preservar os hábitats ou ecosistemas naturais como, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas como zonas importantes para a flora e a fauna acuáticas ou terrestres.

Ademais, poderán recibir financiamento actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas.

A maiores, tamén serían subvencionables actuacións dirixidas á rehabilitación de elementos históricos ou culturais como hórreos, milladoiros, cabanas, fontes, alvarizas, muíños ou fornos tradicionais.

Para concluír, Ángeles Vázquez lembrou que a Rede Natura 2000 é un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. En  Galicia está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA), que abarcan máis de 100.000 hectáreas, e 59 zonas especiais de conservación (ZEC), que ocupan preto de 375.000 hectáreas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024