A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou por videoconferencia nun encontro da Alianza Galega polo Clima

A Xunta agradece o intenso labor das entidades da Alianza para que a Galicia do futuro sexa máis verde e libre de residuos

Ángeles Vázquez destaca o forte compromiso co medio ambiente e o traballo diario dalgúns dos seus integrantes pois en 36 proxectos desenvolvidos nos últimos catro anos retiraron do litoral preto de 425 toneladas de distintos refugallos

A vicepresidenta segunda salienta que o episodio do Toconao acreditou que é preciso loitar contra a contaminación por plásticos presente nas praias pois a cantidade de lixo deste tipo recuperado nas últimas semanas triplicou o de granulados plásticos

O Executivo galego aposta por promover a responsabilidade social neste eido e lembra que hai importantes ferramentas para apoiar ás empresas neste eido previstas pola Xunta a través da Oficina de Galicia resiliente

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia agradeceu hoxe o intenso labor das entidades asinantes da Alianza Galega polo Clima a prol de que a Galicia do futuro sexa máis verde e libre de residuos. Así llo trasladou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ás empresas e entidades asinantes deste compromiso co medio ambiente durante un encontro celebrado por videoconferencia.

A responsable autonómica puxo en valor que moitos dos asinantes -xa preto de 100- demostran “un forte compromiso co medio ambiente e un traballo diario no que introducen a sostibilidade en todas as súas accións”. Unha filosofía que coincide, destacou, cos obxectivos da Administración galega e a súa constante busca das mellores solucións en beneficio do conxunto da cidadanía.

Neste sentido, a vicepresidenta segunda salientou que a colaboración é vital para afrontar tanto os retos e desafíos do futuro como situacións excepcionais e imprevistas como o episodio rexistrado nas costas galegas pola perda de parte da carga por parte do mercante Toconao. Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta activou un dispositivo de limpeza en terra e de rastrexo por mar en canto tivo coñecemento deste incidente, o que permitiu que a situación mellorase notablemente e agora estea controlada. Así mesmo, incidiu na importancia de manter con carácter permanente o comité científico
–composto por 16 técnicos e especialistas-, asesor en materia de plásticos.

Non obstante, quixo agradecer a solidariedade e compromiso de moitos dos integrantes da Alianza Galega polo Clima que se ofreceron a colaborar e a mobilizar voluntarios para axudar na recollida dos residuos presentes nos areais. Nesta liña, a representante do Executivo galego salientou que este episodio serviu para acreditar que é preciso loitar contra o problema da contaminación por plásticos presente nas praias pois durante os traballos de limpeza recolleuse o triplo de material asimilable a residuos urbanos que granulados plásticos.

“É unha realidade que moitos de vós coñecedes polas accións medioambientais que realizades con periodicidade -como a limpeza das praias- de xeito totalmente desinteresado e nas que temos coincidido e colaborado”, destacou Ángeles Vázquez, que avogou por unir esforzos desde todos os ámbitos e estamentos para mellorar a situación dos areais de Galicia. De feito, agradeceu o traballo realizado por distintas entidades da alianza nos últimos catro anos, nos que desenvolveron 36 proxectos para a recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños que permitiron extraer do litoral preto de 425 toneladas de distintos residuos.

Xornadas de concienciación e voluntariado

A responsable autonómica incidiu na importancia de intercambiar experiencias para facer deste problema unha oportunidade e promover unha maior responsabilidade social para acadar a excelencia na calidade ambiental. Neste sentido, salientou a transcendencia de organizar xornadas de concienciación e voluntariado coas que actuar en ríos ou espazos naturais -como os parques e reservas da biosfera, entre outros- pois máis do 40% territorio galego está amparado por algunha figura de protección.

 

Por iso, puxo en valor ferramentas que favorecen a coordinación deste tipo de accións como a oficina Galicia resiliente, que ofrecerá asesoramento técnico e altamente especializado ás entidades asinantes da Alianza galega polo clima para impulsar proxectos que incrementen a resiliencia de Galicia ante o quecemento global e a buscar vías de financiamento para poder executalos.

A maiores, Ángeles Vázquez informou aos membros da alianza de que na actualidade está en tramitación o proxecto de decreto polo que se regula o Sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia. Esta normativa pretende crear un novidoso mercado voluntario de créditos de carbono para que as empresas poidan compensar as súas emisións e contribuír na loita contra o cambio climático ao financiar proxectos sostibles que persigan estes obxectivos.

Esta plataforma servirá de nexo entre as entidades promotoras dos proxectos de absorción de carbono nos mercados voluntarios e as compensadoras de emisións, aportando valor engadido ao sector primario, principalmente de áreas estratéxicas como as zonas forestais, os terreos agrícolas ou distintos espazos costeiros e de desenvolvemento da acuicultura.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024