A Xunta pide certezas na planificación eléctrica para dar viabilidade aos proxectos industriais

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na Conferencia Sectorial de Enerxía e ao seu remate lamentou a falta de sensibilidade do Estado coas iniciativas industriais estratéxicas para Galicia

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá, por vía telemática, na Conferencia Sectorial de Enerxía. Nela, reiterou a petición do Goberno galego de achegar certezas na Planificación Eléctrica 21-26 -tendo en conta que xa estamos en 2024- para dar viabilidade aos proxectos industriais que estudan implantarse na nosa Comunidade.

O director xeral incidiu na necesidade de atender ás alegacións que a Xunta de Galicia realizou ás modificacións de aspectos puntuais desta planificación xa que, aínda que se incorporaron algunhas actuacións, outras seguen sen ser atendidas na planificación actual, polo que solicita ao Estado unha maior sensibilidade coas iniciativas industrias que serán estratéxicas para a Comunidade.

“Hai que ter en conta que se trata de proxectos que precisan anos para a súa construción. Por iso reclamamos ao Estado un auténtico compromiso coa industria galega e unha mellor xestión a medio prazo respecto de cuestións vertebrais para o seu desenvolvemento, como é a existencia dunha adecuada rede de transporte da enerxía, cuestión fundamental para que os proxectos industriais poidan funcionar”, destacou Fernández Vila. Neste sentido, explicou que Galicia -incluíndo as modificacións realizadas- só recibe un 2,6% da cantidade total destinada á planificación eléctrica, o que non se corresponde coa achega de enerxía renovable que a Comunidade fai á rede eléctrica.

Por outra banda, na Conferencia tamén se solicitou que as modificacións lexislativas que se realicen e que poidan afectar a competencias autonómicas sexan consensuadas ou, polo menos, consultadas en vez de adoptarse de xeito unilateral. O Goberno galego teme que a norma que fixou a ampliación de prazos de execución de proxectos enerxéticos poida provocar inseguridade e incertezas nos investimentos industriais previstos, pois non se incluíron na normativa determinados proxectos nin se tivo en conta a litixiosidade que está sufrindo o sector en Galicia e que se pode reproducir noutros territorios.

Data de actualización: 26/01/2024