A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Fondón e Chanca ao seu paso polo concello de Meaño

As tarefas están levándose a cabo ao longo de algo máis de 3,5 quilómetros

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

As actuacións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar a execución de actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Fondón e do río Chanca ao seu paso polo concello de Meaño.

Os traballos execútanse en distintos tramos ao longo de algo máis de 3,5 quilómetros, coincidindo co seu percorrido por distintas parroquias deste municipio.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedan despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, de competencia da Xunta.

Estas intervencións contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2024