Galicia reduce ata o 8,8 % o abandono escolar e adiántase sete anos ao obxectivo do 9% fixado pola UE para o ano 2030
Desde o ano 2009, cando se rexistrou un 25,8, o abandono temperá en Galicia reduciuse en 17 puntos
A Consellería de Educación subliña que os plans de reforzo académico, de atención á diversidade, de orientación e de impulso da FP Básica son esenciais neste resultado
A Xunta agradece o traballo e a implicación do conxunto do profesorado galego e dos equipos directivos como un piar fundamental para a consecución deste éxito
Galicia reduce ata o 8,8 % o taxa de abandono educativo temperá correspondente ao ano 2023 e adiántase sete anos ao cumprimento do obxectivo do 9 % fixado pola Unión Europea para o ano 2030. Así o confirman os datos do Instituto Galego de Estatística, á falta de coñecer as cifras comparativas con España e co resto das comunidades autónomas.
Reforzo competencial e orientación
No que atinxe ao reforzo competencial, cómpre subliñar que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva anos implementando distintos plans de reforzo e atención ao alumnado nas etapas de Primaria e de ESO co fin de que, logo de concluír as etapas formativas obrigatorias, os alumnos se sintan atraídos por continuar a súa formación académica a través do Bacharelato ou da FF.
A este obxectivo responden accións como o Programa PROA (de Reforzo, Orientación e Apoio), o Programa Acompaña de incorporación de docentes de apoio para a atención á diversidade ou a liña Quéda-T dentro dos Contratos-Programa, a través do cal se dá apoio aos centros para que organicen medidas específicas de índole pedagóxica ou organizativa para a prevención e redución do abandono temperá, especialmente no caso do alumnado en situación de vulnerabilidade.
Tamén destacar o reforzo da orientación académica como unha liña de traballo na que desde os institutos se acompaña aos estudantes na elección dos itinerarios formativos que mellor encaixen coas súas inquedanzas de futuro. Neste senso, cómpre lembrar tamén a posta en marcha no curso 2021/22 da Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia, coñecida como RAOGAL, un programa concibido para apoiar ao alumnado máis vulnerable e que duplicou recursos nestes tes anos de funcionamento.
Outra das fortalezas do sistema educativo galego é a Formación Profesional como unha saída educativa de primeiro nivel para a mocidade que se veu reforzada nos últimos anos coa constante ampliación de prazas, o reforzo da oferta con titulacións máis atractivas e a aposta pola especialización que fai que estas ensinanzas sexan a opción prioritaria para moitos alumnos.
Agradecemento á comunidade escolar
A Xunta recoñece o labor do conxunto da comunidade educativa neste bo resultado, especialmente no que atinxe ao esforzo e implicación do profesorado galego e dos equipos directivos dos centros. Non en balde, son quen aplican no día a día na escola todo o abano de programas e ferramentas que a Consellería pon á súa disposición.