A Xunta convoca unha orde de axudas dotada con 680.000 euros para a mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas

A convocatoria conta con dúas liñas de achegas, unha destinada para a rexeneración ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas e outra centrada na xestión forestal sostible para usos silvopastorais nas mesmas
 

O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 30 de xuño de 2025
 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se establecen as bases reguladoras das axudas para a rexeneración e/ou mellora en masas consolidadas de frondosas autóctonas e para a xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, que contan cun orzamento de 683.110 euros.  

A convocatoria conta con dúas liñas de axudas. A primeira destínase para a rexeneración ou mellora das masas consolidadas de frondosas autóctonas e nela subvencionaranse as actuacións silvícolas necesarias para a xestión e o aproveitamento destes terreos. Neste caso, serán elixibles actuación como tarefas de roza ou a plantación puntual con especies arbóreas frondosas para acadar a densidade axeitada. 

A segunda liña de axudas céntrase na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas. As actuacións que serán elixibles para subvención, neste caso, son tarefas de roza; a emenda caliza, a fertilización, o gradeo semipesado, a sementeira con especies pratenses e o pase de rulo; ou os peches cando o xustifique a súa necesidade. 

En ámbalas dúas liñas, o importe máximo que se concederá por beneficiario é de 30.000 euros. Na primeira liña, poderán solicitar as axudas tanto entidades locais como persoas físicas ou xurídica, mentres que na segunda só terán a posibilidade estas últimas. 

o prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do luns 29. Así, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. 

O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 30 de xuño de 2025, e so serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados con posterioridade á data de inspección previa e como límite na data final de xustificación. 

Ligazón á resolución no DOG:
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024