A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación da campaña turística "100% Rías Baixas"

Madrid, 26 de xaneiro de 2024

A Casa de Galicia en Madrid acolleu o acto da campaña turística "100% Rías Baixas", organizada pola Deputación de Pontevedra, polo que contou co seu presidente, Luis López, quen destacou as fortalezas, o crecemento e o potencial da provincia de Pontevedra como un destino turístico referente en calidade e sustentabilidade

O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou nesta presentación que contou con representantes do sector turístico e na que o presidente da Deputación de Pontevedra puxo en valor o esforzo das e dos profesionais para contribuír ao crecemento do destino turístico Rías Baixas.

Nesta liña, agradeceu o compromiso do sector para seguir apostando e traballando de xeito conxunto para facer da provincia de Pontevedra “un destino adaptado aos tempos da intelixencia artificial, un destino ambicioso cunha estratexia clara para seguir crecendo de maneira controlada e un destino sostible no que o deporte e a cultura son os complementos ideais”.

“O turismo fai que a nosa provincia sexa un fogar para tantos madrileños; hoxe Madrid acóllenos na casa de todos os galegos”, valorou López, quen recoñeceu que existen “poucos escenarios mellores que a Casa de Galicia, pouco público tan especializado e poucas datas mellores que a de Fitur” para falar das Rías Baixas e da súa riqueza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024