A Xunta ve nas comunidades enerxéticas unha figura esencial para avanzar na implantación de renovables e na eficiencia

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Santiago na apertura da xornada ‘O papel das comunidades enerxéticas locais no proceso de transición enerxética’

A Xunta xa activou a nova convocatoria para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas

As axudas, de concorrencia non competitiva, estarán abertas ata o 15 de maio ou ata que se esgote o crédito, que ascende a 800.000 euros

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na apertura da xornada O papel das comunidades enerxéticas locais no proceso de transición enerxética. Nela destacou que se trata dunha figura esencial para avanzar tanto na implantación das enerxías renovables como para o impulso da eficiencia e aforro enerxéticos.

Na súa intervención, o director explicou que a transición enerxética cara a un modelo descarbonizado e dixitalizado precisa dunha maior presenza de renovables no mix enerxético, así como unha maior aposta pola autosuficiencia e o aforro enerxético. Nestes obxectivos, considerou que o papel das administracións debe ser dobre: ofrecendo á cidadanía as ferramentas necesarias, a través dunha tramitación rigorosa e da implantación de axudas, que faciliten a transición; e asumindo un papel de liderado e exemplarizante.

Convocatoria para a planificación enerxética

O director informou de que a Xunta xa ten aberto o prazo de solicitude da nova convocatoria de axudas destinada á planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, que contará cun orzamento de 800.000 euros. 

Mediante a planificación enerxética de concellos, preténdese que as entidades locais teñan un papel protagonista no proceso de transición, apoiando tanto a contratación de servizos xurídicos ou técnicos precisos para a elaboración dun estudo estratéxico, como para promover a contratación centralizada. A intensidade da axuda dependerá do número de concellos que se agrupen na solicitude e irá do 30 ao 70%, cun 20% adicional se se trata de concellos de menos de 5.000 habitantes e/ou un 10% para concellos fusionados ou se son emprendedores. Será dun máximo de 15.000 euros por concello e, no caso de entidades locais que representen a varios municipios, o máximo será de 150.000 euros.

En canto á planificación de comunidades enerxéticas, cubriranse os custos da contratación dos servizos de asistencia para definir as infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación de estatutos, pois tamén se poden presentar solicitudes previas á constitución destes entes. Neste caso, a intensidade será do 80% cun máximo de 15.000 euros.

Os solicitantes poden escoller libremente as empresas que as asesoren. O Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, elaborará unha listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética ás entidades locais e comunidades enerxéticas que publicará na súa páxina web. O prazo para acceder a este apoios, que se resolverán por orde de solicitude, manterase aberto ata o 15 de maio ou o esgotamento de crédito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2024