A Xunta convoca en febreiro e en marzo os propietarios dos terreos necesarios para a mellora de 64 paradas de autobús en estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas

Acondicionaranse as paradas de autobús situadas en 14 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia cun orzamento de preto de 1,2 M€

Os concellos de Santa Comba, Ames, Brión, Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Vimianzo e Zas acollerán o levantamento de actas previas á ocupación entre o 19 e o 21 de febreiro; a formalización fíxase entre os días 19 e 21 de marzo

As actuacións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

A Xunta publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria, para este mes de febreiro e para o vindeiro mes de marzo, dos actos expropiatorios para executar as obras mellora da accesibilidade e conectividade de 64 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas.

As obras contan cun orzamento de preto de 1,2 M€ están xa adxudicadas. Permitirán actuar en 64 paradas de autobús situadas en 14 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos. Concretamente, intervirase en 13 paradas en Santa Comba; 9 en Ames; 21 en Brión; 2 en Camariñas; 1 en Cee; 1 en Corcubión; 4 en Dumbría; 7 en Fisterra; 2 en Vimianzo; e 4 en Zas.

Para levar a cabo estas intervencións faise necesario a expropiación de distintos predios situados nos municipios de Santa Comba, Ames, Brión, Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Vimianzo e Zas. No caso das paradas de Corcubión as melloras realízanse en zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, polo que non é necesario o proceso expropiatorio.

Segundo recolle hoxe o boletín provincial, o acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos situados neste municipios celebraranse os días 19, 20 e 21 de febreiro. Posteriormente, no mes de marzo, convócase o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación, fixándose para os días 18, 19 e 20 marzo.

As intervencións nestas 64 paradas de autobús suporán o acondicionamento dos carrís para estas paradas, así como a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Os traballos poderá comezarse a partir do remate das expropiacións.

Nas obras prevese tamén a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer os usuarios aí onde poida haber desniveis.

No eido destas intervencións, en primeiro lugar, priorizarase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se actuará na mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluídas neste actuación tamén prevén medidas de seguridade, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e da iluminación ou a ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas e están financiadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU.

Data de actualización: 25/01/2024