O conselleiro de Sanidade destaca o labor dos farmacéuticos que contribúe a incrementar a capacidade asistencial do sistema sanitario

Julio García Comesaña intervén no acto de apertura do curso académico 2024 da Real Academia de Farmacia de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interveu hoxe na sesión pública solemne de apertura do curso académico 2024 da Real Academia de Farmacia de Galicia. Neste acto, ao que tamén asistiu a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, o responsable da carteira sanitaria do Executivo galego destacou o labor que desenvolven os farmacéuticos dende todos os seus ámbitos de actuación, o que está a permitir incrementar a capacidade asistencial do conxunto do sistema sanitario.

O máximo responsable da sanidade pública galega puxo en valor o compromiso da farmacia comunitaria coa sociedade e o sistema sanitario, demostrando unha gran profesionalidade e unha vocación de servizo, sempre dispoñibles para colaborar coa Consellería de Sanidade e co Sergas, e xogando un papel decisivo na formación, asesoramento e concienciación da cidadanía no ámbito da automedicación responsable, ou para evitar a acumulación de medicamentos no domicilio.

Na súa intervención no acto, Comesaña sinalou que, na actualidade, existe en Galicia unha importante colaboración de todos os farmacéuticos que traballan no ámbito asistencial, tanto os das oficinas de farmacia, como os que desenvolven o seu labor en atención primaria ou os que traballan nos hospitais, que está a resultar fundamental para asegurar unha atención de calidade aos pacientes do Servizo Galego de Saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024