A Xunta fomenta a creación de agrupacións de xestión conxunta e o asociacionismo para a posta en valor da superficie forestal e o aproveitamento dos seus recursos

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou na xornada de presentación das axudas a agrupacións forestais organizada pola Asociación Forestal de Galicia e as asociacións de produtores de madeira de Cedeira e Viveiro

O director xeral explicou esta liña de achegas da Xunta convocada por primeira vez e cuxo prazo de solicitude está aberto, para a que se destinan preto de 2,4 millóns de euros
 

Cedeira (A Coruña), 24 de xaneiro de 2024

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou esta tarde nunha xornada de presentación das axudas a agrupacións forestais organizada pola Asociación Forestal de Galicia e as asociacións de produtores de madeira de Cedeira e Viveiro.

Na súa intervención nesta xornada celebrada en Cedeira, o director xeral puxo en valor a convocatoria de axudas para o fomento das agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto desde o pasado 15 de xaneiro, e que está dotada cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros.

Tres liñas de actuación

Segundo explicou José Luis Chan, estas achegas dispoñen de tres liñas de actuación. A primeira céntrase na organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta. Para desenvolver esta liña, disponse dun crédito de 200.000 euros.

A segunda liña de achegas busca dar apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais. Neste caso, o orzamento é de 400.000 euros e as actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo.

O director xeral resaltou que se lle dará prioridade como beneficiarios desta segunda liña de axudas ás asociacións de produtores de madeira (PROMA), ás que tamén poden optar outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais e empresas ou persoas individuais executoras das actuacións obxecto de subvención inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

A terceira das liñas de axudas destínase concretamente á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta a través de calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. A asignación orzamentaria para esta liña de axudas é de case 1,8 millóns de euros.

As actuacións subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (Sofor).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024